Xornadas de Portas Abertas

Cada ano, chegado xa o outono, convidamos os cidadáns a que nos visiten durante as Xornadas de Portas Abertas do Tribunal Supremo, que se celebran desde 2005 e que permiten a todas as persoas interesadas coñecer como somos por dentro e de que xeito funciona o nivel máis alto da nosa Xustiza. A próxima edición celebrarase en outubro de 2024.

 

Estas Xornadas son unha oportunidade magnífica para descubrir o patrimonio histórico e artístico do Palacio das Salesas, a sede do alto tribunal, grazas ás visitas guiadas polos seus espazos máis destacados: a antiga Audiencia Territorial, o Salón de Plenos, o Salón de Pasos Perdidos ou o despacho oficial do presidente do Supremo, coñecido como "a Rotonda".

Porén, tamén representan a apertura da Xustiza á sociedade, comezando polos cidadáns do mañá. Durante as Xornadas, celébranse actividades especialmente destinadas aos máis pequenos, como as representacións de xuízos teatralizados coas que, ademais de ter a oportunidade de participar como protagonistas, se pretende que teñan un primeiro achegamento ao mundo dos tribunais e que coñezan os seus dereitos.

As Xornadas tamén son unha ocasión estupenda para dar a coñecer o capital humano que acolle o Tribunal Supremo. Os cidadáns deben saber quen toman as decisións que lles afectan, en que consiste o seu traballo e de que modo o levan a cabo. Por ese motivo, terán a oportunidade de manter encontros con maxistrados e maxistradas do alto tribunal, e con letrados e letradas do Gabinete Técnico, e de formularlles todas as preguntas que desexen.

A entrada ao Palacio de Xustiza é gratuíta e só é necesaria a presentación do Documento Nacional de Identidade ou pasaporte.

No Tribunal Supremo estamos convencidos de que a transparencia e a proximidade coa sociedade son dous piares fundamentais sobre os que debe asentarse a xustiza que impartimos e que entendemos como un servizo público. Por iso estas Xornadas son tan importantes para nós. Agardámosvos!

As Xornadas, tamén na web e nas redes sociais

Para quen non poida achegarse nestes días ao Tribunal Supremo, as Xornadas de Portas Abertas terán tamén o seu espazo na páxina web www.poderjudicial.es. Aquí podes descargar o folleto informativo, seguir puntualmente as actividades programadas e mesmo facer un percorrido virtual polo Palacio de Xustiza.

O percorrido virtual (dispoñible en castelán, catalán, galego, éuscaro, inglés e francés e adaptado a diferentes dispositivos electrónicos, como ordenadores, tabletas ou teléfonos intelixentes) permite navegar por fotografías 360º das principais salas da sede do alto tribunal e acceder a datos de interese sobre as mesmas e as obras artísticas que acollen.

Ademais, os máis novos poderán facer unha ruta alternativa —tamén en diferentes idiomas— deseñada como un xogo de escape no que terán que superar diferentes probas relacionadas coa historia do Tribunal Supremo e do mundo da xustiza para ir dunha sala a outra.

Podes acceder á visita virtual na seguinte ligazón:

https://www.poderjudicial.es/cgpj/es/Poder-Judicial/Tribunal-Supremo/Portal-de-Transparencia/Visita-el-TS/Visita-virtual/

Tamén se celebran Xornadas de Portas Abertas nas redes sociais. Na conta de @PoderJudicialEs de X (antes Twitter) e PoderJudicialEs de Instagram poderás seguir, baixo a etiqueta #PuertasAbiertasTS, todas as actividades que terán lugar estes días.