Aumenta un 38,4 % o número de denuncias presentadas por violencia de xénero en Galicia

A taxa de 10,86 vítimas por cada 10.000 mulleres é das máis baixas do Estado, onde se rexistra unha media de 16,11. Durante o primeiro trimestre do ano 75 persoas acolléronse á dispensa para non declarar, o que supón o 4,3 % das vítimas

Autor
Comunicación Poder Judicial

Os xulgados galegos recibiron no primeiro trimestre do ano 1.736 denuncias por violencia de xénero, un 38,4 % máis que no mesmo período do ano pasado, cando se presentaron 1.254. A gran maioría das denuncias (1.390) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima. Sube tamén o número de mulleres que aparecen como vítimas, de 1.354 nos tres primeiros meses do ano pasado, ás 1.520 deste, o que supón un aumento do 13 %.

Segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), en Galicia mantivéronse practicamente os casos de vítimas que se acollen á dispensa para non declarar. Se nos tres primeiros meses de 2018 optaron por esta opción 76 mulleres, no primeiro trimestre deste ano fixérono 75, o que supón o 4,3 % das vítimas.

Galicia situouse como unha das comunidades cunha taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10 000 mulleres) máis baixa do Estado, con 10,86 persoas, fronte ás 16,11 de media estatal. Durante o primeiro trimestre do ano solicitáronse 433 ordes de protección nos órganos xudiciais da comunidade, fronte ás 459 de 2018, o que supón un descenso do 5,7 %. Das 433 adoptáronse 261, o 60,28 por cento.

O 82,32 % das persoas axuizadas en Galicia por delitos relacionados con violencia de xénero entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo deste ano foron condenadas. Este dato sitúa á comunidade por debaixo da media estatal, que é do 86,07 %.

As conclusións destes datos estatísticos teñen que ser interpretadas tendo en conta a folga de funcionarios levada a cabo entre febreiro e maio de 2018.

Os datos estatísticos están dispoñibles na páxina http://www.poderjudicial.es/cgpj/es/Temas/Estadistica-Judicial/Estudios-e-Informes/Violencia-sobre-la-Mujer/