O TSXG confirma a condena de once anos de cárcere para o home que tentou asasinar á súa muller a golpes en Ourense

Os maxistrados aseguran o testemuño da vítima é “compatible coas lesións que tiña”

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense que impuxo once anos de cárcere a un home que tentou asasinar á súa muller a golpes en xaneiro de 2017.

Os maxistrados aseguran que a defensa do condenado “trata de impoñer a versión da caída accidental”, á vez que salientan que, tal e como declarou o médico forense, o testemuño da vítima é “compatible coas lesións que tiña”. Ademais, lembran que os axentes que realizaron a inspección ocular da casa constataron que na cociña había sangue, así como no corredor, ademais de pegadas de arrastre, o que “corrobora a versión da prexudicada, refugando a da caída accidental”.

En canto á alegación de que o sospeitoso non tiña intención de matar á súa esposa, o alto tribunal indica que é “clara a sentenza” cando afirma “que a morte non se produciu por causas alleas á vontade do autor, como o especial ancho do óso frontal da vítima e a pouca consistencia da tixola empregada como arma, o cal evitou que se producise un resultado mortal”.

“O tribunal, en definitiva, realizou unha adecuada ponderación da proba sendo esta suficiente, ademais de coherente, racional e axustada ás regras da lóxica”, sinala o tribunal na resolución na que rexeita o recurso presentado polo condenado.