A Audiencia de Pontevedra pon en liberdade a unha persoa sen fogar que incumpriu o confinamento porque se reincide sería “obrigada pola súa situación”

O Xulgado ordenou o ingreso en prisión provisional do detido o pasado 16 de abril ao considerar que había risco de fuga e de reiteración delituosa

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra decretou a posta en liberdade provisional dun veciño de Cangas sen fogar investigado por un delito de desobediencia por incumprir o confinamento derivado do estado de alarma decretado pola crise sanitaria do COVID-19. O Xulgado de Instrución número 1 de Cangas ordenou o ingreso en prisión provisional do detido o pasado 16 de abril ao considerar que había risco de fuga e de reiteración delituosa.

O home, segundo o auto, foi detectado por axentes na vía pública o 15 de abril e, 15 minutos máis tarde, volveu ser localizado na rúa. A Audiencia considera que o investigado “non ten onde ir”, polo que o suposto risco de reiteración delituosa, en caso de existir, “non sería en realidade intencional, senón obrigado pola súa especial situación, que de seguro non é desexada por el”. Ademais, os xuíces salientan que non consta ningunha documentación que avale que o investigado abandonase voluntariamente a habitación facilitada polos servizos sociais de Vigo, nin de que tivese a posibilidade de confinarse nalgún lugar no momento no que foi interceptado, o 15 de abril. O tribunal recalca que, a pesar da “singularidade e excepcionalidade do momento en que nos atopamos”, as normas que regulan a prisión provisional “non variaron”.

A Audiencia tamén considera inexistente o risco de fuga, pois o recorrente carece de domicilio, xa que “sempre está a deambular pola vía pública en Cangas”, e de medios económicos. Por iso, a posibilidade de que se desprace á Comunidade de Madrid, tal e como manifestou, “se antolla remota”, segundo os maxistrados. Ademais, todas as veces que foi interceptado, o 4, 6, 10 e 12 de abril, así como na ocasión da que derivan estas dilixencias, 15 de abril, estaba dentro do partido xudicial de Cangas.

O tribunal, polo tanto, considera “remota” a posibilidade de que fuxa a Madrid, non só pola carencia de medios económicos cos que custearse un medio de transporte, senón tamén polos controis policiais dos traslados entre localidades derivados do estado de alarma.