O TSXG confirma a condena a 14 anos de internamento psiquiátrico ao home que asfixiou á súa muller no Carballiño

A medida de seguridade imposta, segundo lembra o Superior, é “unha decisión xudicial, non médica nin terapéutica, explicable no contexto das garantías do proceso penal”

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da Audiencia Provincial de Ourense que, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, condenou o home que asfixiou á súa muller en xaneiro de 2017 no Carballiño ao internamento nun centro psiquiátrico dependente da Administración Penal por un tempo máximo de catorce anos, do cal non poderá saír sen autorización do tribunal.

A medida de seguridade imposta, segundo lembra o Superior, é “unha decisión xudicial, non médica nin terapéutica, explicable no contexto das garantías do proceso penal”. O tribunal absolveu o sospeitoso do delito de homicidio que lle imputaban porque tivo en conta a eximente completa de alteración psíquica. En concepto de responsabilidade civil, impúxolle aboar a cada un dos pais da vítima 60.000 euros e, á súa irmá, 40.000.

O TSXG indica na sentenza que rexeita “o propósito do recorrente de debullar a proba practicada –e excesivamente a non practicada- co fin de substituír sen máis a valoración probatoria do Xurado pola propia”. Ademais, os maxistrados sinalan que “nin tan sequera se denuncia como resulta esixible a existencia de erro na valoración da proba derivado de documento ningún ou dunha pericial documentada”.