O TSXG rebaixa nun ano e medio a pena a un dos cómplices da organización que introduciu 60 quilos de heroína en Galicia

A pena de prisión imposta é “a mínima atribuída ao cómplice”

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou os recursos interpostos por seis dos 12 condenados por introducir uns 60 quilos de heroína en Galicia. A droga foi localizada en agosto de 2017 nunha nave de Caldas de Reis. O alto tribunal galego confirmou, desta forma, a sentenza da sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, que condenou aos sospeitosos a penas de prisión de entre 9 anos e medio e 4 anos e medio de cárcere.

O Superior acolleu parcialmente o recurso de apelación que interpuxo un dos procesados contra a sentenza de primeira instancia. O TSXG revogou a resolución e rebaixou a pena de cárcere nun ano e medio. Así, sentenciouno como cómplice dun delito contra a saúde pública na súa modalidade de substancias que causan grave dano á saúde, en cantidade de notoria importancia, a tres anos de cárcere, en lugar da catro e medio, e ao pagamento dunha multa de 2,8 millóns. A pena de prisión imposta é “a mínima atribuída ao cómplice”.