O home que matou o seu irmán en Guillán (Vilagarcía) é condenado a dous anos de cárcere

O tribunal aplicou as atenuantes de dilacións extraordinarias, confesión e reparación do dano, xa que o imputado está a abonar as indemnizacións

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a dous anos de prisión por cometer un delito de homicidio por imprudencia en concurso con outro de lesións dolosas ao veciño da parroquia de Guillán, en Vilagarcía, que matou o seu irmán dun disparo de escopeta en setembro de 2012. O tribunal aplicou as atenuantes de dilacións extraordinarias, confesión e reparación do dano, xa que o imputado está a abonar as indemnizacións.

A sentenza foi ditada tras o acordo alcanzado entre as acusacións e a defensa o pasado mes de setembro, o que evitou a repetición do xuízo con xurado. O acusado tamén se mostrou conforme con abonar unha indemnización de 180.000 euros á viúva da vítima e de 18.000 a cada unha das súas dúas fillas.

A Audiencia indica no fallo que a relación entre o acusado e a vítima era “mala desde facía tempo” e que o día dos feitos estaban discutindo. Durante a disputa, o condenado, “sentíndose atacado pola vítima e na crenza de que obraba en defensa da súa propia integridade”, disparoulle. Os maxistrados subliñan que carecía de intención “de causarlle a morte, aínda sabendo que podería ferilo”. O tiro alcanzou ao seu irmán na perna esquerda e provocou o seu falecemento.

O acusado foi xulgado en 2014, pero o Tribunal Supremo ordenou a repetición da vista oral ao apreciar contradicións no veredicto do xurado popular. Naquela ocasión tamén foi declarado culpable dun delito de homicidio por imprudencia.