Expertos expoñen na Escola de Verán do Poder Xudicial as limitacións da proba de ADN

Os especialistas advertiron que non é infalible e examinaron casos como o da moza condenada por matar á súa compañeira de piso en Italia en 2007 e absolta anos despois. O maxistrado do Tribunal Supremo Antonio del Moral avogou por “cohesionar” a lexislación española sobre o ADN como medio de investigación e proba nun proceso penal

Autor
Comunicación Poder Judicial
El catedrático de Medicina Legal del Instituto de Ciencias Forenses de la Universidade de Santiago de Compostela, Ángel Carracedo
El catedrático de Medicina Legal del Instituto de Ciencias Forenses de la Universidade de Santiago de Compostela, Ángel Carracedo

A fiabilidade da proba de ADN nos procedementos xudiciais foi analizada hoxe por expertos en ciencias forenses no segundo curso da Escola de Verán do Poder Xudicial, que se celebra no pazo de Mariñán, na provincia da Coruña. O director do Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses, Antonio Alonso, destacou que a identificación mediante ADN “non ten por que ser un signo de culpabilidade”. O especialista expuxo nunha mesa redonda as limitacións que ten a proba á hora de aplicala no ámbito penal. Así, sinalou que aínda que indica “cunha alta probabilidade” a súa procedencia individual, “en xeral, non di nada de como ou cando chegou á escena do crime”.

Alonso incidiu en que debe considerarse a posibilidade de detectar na escena investigada perfís de ADN de persoas que non tiveron nada que ver co delito, sobre todo cando se trata de perfís “obtidos de indicios biolóxicos que se poidan transferir facilmente (por contacto, aerosois…) ou cuxa natureza celular non puidese establecerse na análise forense”. Para ilustrar esta problemática presentou o caso de Amanda Knox, a moza estadounidense absolta anos despois de ser condenada pola morte da súa compañeira de piso en Italia en 2007.

Na mesa redonda organizada na xornada de hoxe os relatores tamén debateron sobre a lexislación que afecta á proba de ADN. O director do Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses asegurou que a “limitación fundamental” é “a falta de regulación legal das bases de datos accesibles na rede de millóns de individuos que achegaron o seu ADN sen un consentimento explícito para o seu uso en investigación penal”. O interveniente destacou que a utilización das listaxes públicas de perfís de ADN na investigación criminal resolveu casos antigos que estaban sen esclarecer como o de Golden State Killer, no que o FBI usou este servizo para atopar ao violador múltiple de California dos anos 70.

O maxistrado da Sala Penal do Tribunal Supremo Antonio del Moral García describiu a lexislación española actual sobre o ADN como medio de investigación e proba nun proceso penal como “un cadro infestado de incoherencias ao que sería necesario dar cohesión, pois o ADN é unha eficaz ferramenta no esclarecemento de delitos”. Durante a súa intervención, ofreceu unha panorámica das últimas reformas nesa materia (Código penal e Lei Procesual en 2015), así como das tendencias na xurisprudencia.

Na mesa redonda sobre os límites da proba de ADN tamén participaron a maxistrada do Xulgado de Instrución nº2 de Santiago de Compostela, Margarita Guillén, e o catedrático de Medicina Legal do Instituto de Ciencias Forenses da Universidade de Santiago de Compostela Ángel Carracedo, quen esta semana inaugurou o segundo curso da Escola de Verán, organizado baixo o título Avances científicos e a súa repercusión na resolución xudicial, e cuxa dirección académica corresponde ao vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial Juan Manuel Fernández.