A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Ourense absolve un acusado de maltratar e abusar dos seus fillos

A Fiscalía solicitaba dez anos e medio de cárcere e a privación da patria potestade para o acusado por “menoscabar a integridade física e psíquica dos seus fillos”

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Ourense absolveu un acusado dos delitos de abuso sexual, malos tratos e violencia habitual sobre os seus fillos. Contra a sentenza cabe interpoñer recurso de casación ante o Tribunal Supremo. O tribunal indica que, debido "á voluntaria incomparecencia dos menores", carece "de proba directa do acontecido", pois "a restante proba practicada" no xuízo "non constitúe un conxunto indiciario capaz por si só de acreditar a veracidade do obxecto da denuncia".

A Fiscalía solicitaba dez anos e medio de cárcere e a privación da patria potestade para o acusado por “menoscabar a integridade física e psíquica dos seus fillos”, a quen “practicamente a diario”, entre decembro de 2013 e marzo de 2015, lles propinaba “golpes en calquera parte do corpo, chegando a utilizar obxectos como unha corda, un pau, unha escoba ou o cinto”. O Ministerio Público tamén acusaba o sospeitoso de realizar tocamentos á súa filla cando pasaba a noite na súa cama.

Durante ese período, no que os menores regresaron ao domicilio familiar e conviviron cos seus proxenitores, "non se puideron obxectivar lesións en ningún dos casos" porque, segundo consta na sentenza, "ninguén os acompañou a un centro sanitario" para supervisar as posibles consecuencias do ocorrido.