Máis de 2.000 estudantes de centros educativos galegos participaron este ano no programa Educar en Xustiza

A iniciativa, promovida polo CXPX e o TSXG, ten como obxectivo que o alumnado entenda o funcionamento da Administración de Xustiza. Institutos, centros de formación profesional, a Universidade da Coruña e a de Vigo formaron parte da iniciativa, que se desenvolveu en doce partidos xudiciais

Autor
Comunicación Poder Judicial

Máis de 2.000 estudantes de 60 centros educativos galegos participaron este ano no programa Educar en Xustiza. A iniciativa, promovida polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para que o alumnado coñeza o funcionamento dos órganos xudiciais da comunidade, retomouse este ano, pois en 2020 se suspendeu como consecuencia da pandemia. O programa iniciouse no mes de marzo, aínda que antes desa data algúns centros participaron nel de forma telemática ou realizaron visitas puntuais a xulgados e tribunais mantendo as medidas preventivas fronte á COVID-19.

Doce partidos xudiciais das catro provincias acolleron aos participantes, os cales foron recibidos por xuíces e xuízas, quen lles explicaron en que consiste o seu traballo e responderon as dúbidas que lles expuxeron. Ademais, asistiron a vistas orais das diferentes xurisdicións, sobre todo penal e social, durante as que comprobaron de primeira man en que consisten os xuízos e o papel que desempeña cada un dos intervenientes neles. 

Durante as visitas, os xuíces e xuízas incidiron en aspectos que á mocidade lle poden afectar de forma directa, tales como a violencia de xénero, os delitos que teñen que ver co uso das redes sociais, o acoso escolar, o sexting ou outros relacionados co consumo de drogas. Ademais, explicáronlles conceptos básicos da xurisdición de menores, como os dereitos que lles asisten e o sistema de imposición de penas, así como os seus dereitos e deberes a partir da Lei Orgánica 1/1996, de protección xurídica do menor. 

En concreto, en Educar en Xustiza participaron 2.233 alumnos/as, dos cales 754 foron recibidos en órganos xudiciais da provincia da Coruña; 304, de Lugo; 147, de Ourense; e 1.028, de Pontevedra. Dentro do programa tamén se organizaron charlas sobre violencia de xénero o sobre a presenza da muller na carreira xudicial en diferentes institutos da provincia de Lugo e en Vilagarcía. Nestes encontros, os maxistrados/as participantes desmontaron algúns bulos relacionados coas denuncias por violencia machista. 

Na iniciativa, ademais de estudantes de institutos galegos de entre 14 e 17 anos, participou alumnado de centros de formación profesional e da Universidade da Coruña e de Vigo. O programa Educar en Xustiza, dirixido a maiores de 14 anos, retomarase o próximo curso e nel poden participar os centros educativos de Galicia que formalicen a súa solicitude a través do Gabinete de Comunicación do TSXG.