O presidente do TSXG destaca a importancia de Galicia como sede de actividades formativas do CXPX na clausura do primeiro curso da Escola de Verán

As xornadas, nas que se analiza o Poder Xudicial como garantía do Estado de Dereito e os desafíos da Xustiza, celébranse ata o 14 de xullo no pazo de Mariñán

Autor
Comunicación Poder Judicial
Participantes de la XXV edición de la Escuela de Verano del Poder Judicial
Participantes de la XXV edición de la Escuela de Verano del Poder Judicial

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, clausurou hoxe o primeiro curso da XXV edición da Escola de Verán do Poder Xudicial, que se celebra ata o 14 de xullo no pazo de Mariñán (A Coruña) e na que se analiza o papel do Poder Xudicial como garantía do Estado de Dereito. Díaz-Castroverde incidiu na importancia que ten a formación para todos os xuíces e xuízas, á vez que destacou a relevancia que ten Galicia como sede de moitos dos cursos do programa formativo do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). 

Nas xornadas, de cuxa dirección académica encárganse os vogais do CXPX Juan Manuel Fernández e Álvaro Cuesta, abordáronse asuntos como a politización da Xustiza, a súa situación actual ou os desafíos aos que se enfronta o Estado de Dereito. Entre estes últimos, atópase a afectación da Intelixencia Artificial (IA) á función xurisdicional, que foi tratada nunha das mesas redondas. O segundo curso da Escola de Verán, no que se profundará sobre o espazo europeo de liberdade e seguridade e debaterase sobre a necesidade dun Pacto de Estado para a Xustiza, desenvolverase entre o martes e o venres da semana que vén. Esta actividade, unha das máis demandadas dentro do plan de formación descentralizada do CXPX, conta coa colaboración da Xunta de Galicia e a Deputación provincial da Coruña.