O TSXG anula a autorización da Xunta para repotenciar o parque eólico de Corme

A Sala considera que a consulta pública sobre o impacto ambiental debeu durar 30 días, non 15. Os xuíces, ademais, destacan que o expediente que se someteu a exposición carecía dos informes sectoriais

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de anular a repotenciación do parque eólico do Roncudo, en Corme, autorizada pola Xunta debido a que reduciu á metade -de 30 a 15 días- o prazo para consultar o informe do impacto ambiental do proxecto. Ademais, os xuíces destacan na resolución, pioneira neste ámbito, que, en contra da directiva europea, o expediente que se someteu a exposición pública carecía dos informes sectoriais. 

A Sala explica na sentenza que o Goberno galego acordou, en febreiro de 2018, declarar de “interese especial” a modificación substancial do parque, o que implicaba “tramitala de forma prioritaria” e, por tanto, reducir de 30 a 15 días hábiles os prazos do procedemento de autorización administrativa previa e de construción, así como os do procedemento de avaliación ambiental e do proxecto sectorial. 

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo, con todo, declara que non procede aplicar a Lei 5/2017, que establece un prazo de 15 días para o trámite de informar á cidadanía sobre este tipo de proxectos. Os xuíces destacan que esa lei é contraria a dúas directivas europeas en materia de medio ambiente, as cales fixan un prazo mínimo de 30 días para ese trámite. 

Desta forma, os maxistrados salientan no fallo que, aínda que “nada impide reducir o prazo de información pública de 30 días á metade” na actuación dirixida a obter a autorización previa e de construción do parque, aseguran que “non sucede o mesmo” no trámite que concirne á avaliación ambiental. Así, fan referencia á directiva europea do 16 de abril de 2014, que dispuxo que o prazo fixado para a consulta do público interesado sobre o informe de avaliación do impacto ambiental non será inferior a 30 días. 

O alto órgano xudicial destaca que “a primacía do dereito comunitario sobre o autonómico non deixa lugar a dúbidas”, á vez que recalca que, diso, se conclúe que, neste caso, non foi de acorde a dereito a redución do prazo de información pública a 15 días no procedemento de avaliación do impacto ambiental. Ademais, indica que, aínda que o trámite de exposición pública que concirne ao proxecto de execución e o relativo ao estudo de impacto ambiental se deben realizar conxuntamente, para o primeiro a cidadanía dispón dun prazo de 15 días para presentar alegacións e, para o segundo, de 30 días.  

Ademais, o TSXG asegura que, segundo a directiva europea, antes de adoptar a decisión definitiva sobre o proxecto que se promovía, é dicir, antes de sometelo a información pública, a Xunta debeu presentar os informes sectoriais. Ao non facelo, segundo a Sala, as persoas interesadas “non puideron exercer de forma plena o seu dereito de participar de forma efectiva e con pleno coñecemento de todas as opcións que se presentaban”. 

O TSXG resalta que a directiva europea establece que “o público interesado terá a posibilidade real de participar desde unha fase temperá nos procedementos de toma de decisións ambientais”, a cuxo efecto “terá dereito a expresar observacións e opinións, cando estean abertas todas as opcións, á autoridade ou autoridades competentes, antes de que se adopte unha decisión sobre a solicitude de autorización do proxecto”.