Primeiro recurso de casación ordinario resolto pola Sala do Contencioso do TSXG

Resolve un recurso ordinario de casación promovido por un particular contra unha sentenza ditada pola Sección Segunda desta Sala

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sección Especial da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, constituída para resolver recursos de casación fundados en infracción de normas emanadas da comunidade autónoma, ditou a primeira sentenza que resolve un recurso ordinario de casación, neste caso promovido por un particular contra unha sentenza ditada pola Sección Segunda desta Sala.

Versa a cuestión casacional sobre a correcta interpretación dos apartados 1, 2 e 3 da Disposición Transitoria 4ª da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia, para os efectos de determinar se se produciu, no caso axuizado, a caducidade da licenza urbanística outorgada ao recorrente por non dar comezo ás obras en prazo, tal e como entendeu no seu momento a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística. Así o corrobora dita Sección Especial ao acordar non haber lugar a casar a sentenza recorrida.

A sentenza, da que foi relator o maxistrado Benigno López González, é a primeira resolución xudicial que, neste territorio e en materia administrativa autonómica, decide un recurso de casación ordinario, competencia que, ata a modificación da Lei da Xurisdición Contencioso Administrativa operada pola Lei Orgánica 7/2015, do 21 de xullo, vixente desde o 22 de xullo de 2016, viña reservada ao Tribunal Supremo.