O TSXG condena o Estado como responsable civil do pago dunha indemnización de 11.650 euros a un recluso agredido en Teixeiro

Considera que o acusado, no momento da comisión dos feitos, presentaba “un trastorno explosivo intermitente da personalidade e un trastorno adaptativo con alteración mixta das emocións e o comportamento

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Civil e Penal do TSXG acolleu en parte o recurso interposto por un interno do centro penal de Teixeiro que foi agredido por outro recluso en 2016, polo que condenou o Estado, a través da Dirección Xeral de Institucións Penais, como responsable civil subsidiario do aboamento da indemnización de 11.640 euros que fixou na súa sentenza a Audiencia Provincial da Coruña. Na resolución de primeira instancia o sospeitoso fora castigado con tres anos de prisión por propinar unha “fortísima puñada” na cara ao seu compañeiro cando lle esixiu “de malos modos” que lle deixase sitio nun banco. A vítima sufriu como consecuencia do golpe unha fractura na mandíbula e a perda de varias pezas dentais, polo que o procesado foi condenado a indemnizala con 11.640 euros. A Audiencia absolveu a Dirección Xeral de Institucións Penais de responder subsidiariamente desa suma.

O TSXG, con todo, considera que o acusado, no momento da comisión dos feitos, presentaba “un trastorno explosivo intermitente da personalidade e un trastorno adaptativo con alteración mixta das emocións e o comportamento”, unha circunstancia que sostén que “debeu ser debidamente detectada polos servizos penais correspondentes”, pois “entraña inequivocamente unha situación de risco”.

“A Administración si quebrantou os especiais deberes impostos pola normativa, pois a debida observación do interno, a constatación da súa especial condición psíquica e, en definitiva, o risco que a anterior crea, deberon ser oportunamente ponderadas para, ou ben determinar un maior illamento ou ben establecer unhas medidas de seguridade de tal relevancia que conxurasen o perigo que o interno presentaba”, destaca o alto tribunal galego. Os xuíces conclúen que a agresión se produciu “pola omisión das medidas adecuadas que a observación e cualificación do agresor merecía”, polo que “se pode falar de infracción regulamentaria”.

O TSXG rexeitou o segundo motivo do recurso presentado pola acusación particular, que demandaba unha maior indemnización, porque asegura que a sentenza apelada “valora adecuadamente as lesións e secuelas que afectan á vítima dos feitos axuizados”.

***