Xulgados
Os Xulgados de Primeira Instancia e Instrución son órganos unipersoais que exercen funcións xurisdicionais tanto na orde civil como na penal dentro do territorio da súa competencia chamado partido xudicial. O nome do partido xudicial toma denominación do municipio onde se encontra a súa sede.
Na orde civil ofrecen a primeira resposta aos cidadáns nos conflitos que puidesen suscitarse ante eles. As súas resolucións son susceptibles de recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da provincia onde están situados.
Na orde penal teñen encomendado o axuizamento dos Xuízos sobre delitos leves, así como a instrución dos delitos, que serán axuizados polos Xulgados do Penal ou, no seu caso, polas Audiencias Provinciais.
Trátase dos órganos xudiciais máis próximos aos cidadáns tanto pola súa situación na cabeceira dos partidos xudiciais como polas súas competencias que precisan, na maioría dos casos, da presenza nas súas dependencias dos interesados para a práctica de probas.
Os Xulgados do Mercantil son uns xulgados especializados, dentro da orde civil, na resolución de conflitos sobre as materias de carácter predominantemente mercantil que a lei lles encomende, así como no relacionado coa materia concursal.
O Xulgado do Mercantil é competente para coñecer cantas cuestións se susciten en materia concursal, nos termos previstos na súa Lei reguladora e sen prexuízo do disposto no artigo 85.6 L.O.P. X (competencia dos Xulgados de Primeira Instancia para coñecer na orde civil dos concursos persoa natural que non sexa empresario nos termos previstos na súa Lei reguladora) e, a prol da unidade do procedemento, doutras materias pertencentes a diversas disciplinas consideradas de especial transcendencia para o patrimonio das partes en concurso.
Teñen a súa sede na capital de provincia e teñen xurisdición sobre a mesma, aínda que poden establecerse xulgados do mercantil que estendan a súa xurisdición a dúas ou máis provincias dunha mesma comunidade autónoma.
Os xulgados mercantís creáronse a raíz da reforma da Lei Concursal 8/2003, de 9 de xullo e entraron en funcionamento o 1 de setembro de 2004.
Os xulgados do mercantil de Alacante ten competencia, ademais, para coñecer, en primeira instancia e de forma exclusiva, de todos aqueles litixios que se promovan ao amparo do previsto nos Regulamentos números 40/94, do Consello da Unión Europea, de 20 de decembro de 1993, sobre a marca comunitaria, e 6/2002, do Consello da Unión Europea, de 12 de decembro de 2001, sobre os debuxos e modelos comunitarios. No exercicio desta competencia, ditos Xulgados estenderán a súa xurisdición a todo o territorio nacional, e a estes efectos denominaranse Xulgados de Marca Comunitaria.
En cada provincia, e con sede na súa capital, haberá un ou varios Xulgados do Penal. Poderán establecerse Xulgados do Penal cuxa xurisdición se estenda a un ou varios partidos da mesma provincia, conforme o que dispoña a lexislación sobre demarcación e planta xudicial, que fixará a cidade onde terán a súa sede. Os Xulgados do Penal tomarán a súa denominación da poboación onde teñan a súa sede (Artigo 89 bis LOPX).
Os Xulgados do Penal serán competentes para o coñecemento e veredicto das causas por delitos aos que a Lei sinale pena privativa de liberdade de duración non superior a cinco anos ou pena de multa calquera que sexa a súa contía, ou calquera outras de distinta natureza, ben sexan únicas, conxuntas ou alternativas, sempre que a duración destas non exceda de dez anos, así como por delitos leves, sexan ou non incidentais, imputables aos autores destes delitos ou a outras persoas, cando a comisión do delito leve ou a súa proba estivesen relacionadas con aqueles (Artigo 14.3 LECrm.)
A fin de facilitar o coñecemento dos asuntos instruídos polos Xulgados de Violencia sobre a Muller, e atendendo ao número de asuntos existentes, deberanse especializar un ou varios Xulgados en cada provincia, de conformidade co previsto no artigo 98 da LOPX.
Corresponde así mesmo aos Xulgados do Penal a execución das sentenzas ditadas en causas por delito grave ou menos grave polos Xulgados de Instrución, o recoñecemento e execución das resolucións que impoñan sancións pecuniarias transmitidas polas autoridades competentes doutros Estados membros da Unión Europea, cando as mesmas deban cumprirse en territorio español, e os procedementos de comiso autónomo polos delitos para cuxo coñecemento sexan competentes.
Estes xulgados entraron en funcionamento o 29 de xuño de 2005. A Lei Orgánica contra a Violencia de Xénero 1/2004 aprobou a creación de órganos xudiciais especializados en violencia sobre a muller. Os xulgados de Violencia sobre a Muller tramitan todos os asuntos, procedementos e recursos que marca esta lei.
A Lei integral contra a Violencia de Xénero dispón que en cada partido xudicial exista, como mínimo, un órgano xudicial que asuma as competencias propias destes xulgados de xeito que se garanta a todas as vítimas unha resposta xudicial especializada.
O ámbito e competencias deste tipo de Xulgados vén regulado nos artigos 87 bis e 87 ter da LOPX.
Son órganos xudiciais unipersoais que coñecen en primeira ou única instancia os recursos contra os actos e as disposicións das Administracións Públicas que a lei determina. O seu ámbito territorial é a provincia, en cuxa capital teñen a súa sede.
O xulgado do Contencioso-Administrativo soluciona os conflitos entre cidadáns ou persoas xurídicas e as administracións públicas, así como os conflitos que se presentan entre as administracións. Coñece ademais de recursos sobre determinados actos administrativos das Comunidades Autónomas e das entidades locais (tamén das entidades e corporacións dependentes ou vinculadas a elas), así como dos recursos de estranxeiría; e contra actos das Xuntas Electorais.
Os xulgados Sociais coñecen os procesos en materia laboral e de seguridade social como primeira e única instancia que non estean atribuídos a outros órganos desta orde xurisdicional. Actúan sobre a provincia aínda que se a lei o establece poden encargarse dun ou máis partidos xudiciais da mesma provincia.
Tutelan os dereitos dos presos durante o seu internamento, controlan o cumprimento das penas privativas de liberdade, e resolven todo o que concirne aos internos de centros penitenciarios. As súas resolucións pódense apelar á Audiencia Provincial onde está situado o Centro Penitenciario.
As funcións dos xulgados de Vixilancia penitenciaria abranguen dende a execución de penas privativas de liberdade, sobre as medidas de seguridade, de amparo dos dereitos e beneficios dos internos dentro dos edificios penitenciarios así como outros que marque a lei penitenciaria. O ámbito territorial é o dunha ou máis provincias e teñen a súa sede na capital da provincia.
Coñecen dos delitos cometidos por persoas maiores de catorce anos e menores de dezaoito e consonte á Lei Orgánica 5/2000, de 12 de xaneiro, reguladora da Responsabilidade Penal dos Menores, son tamén competentes para coñecer, executar e resolver sobre a responsabilidade civil.
Son, por lo tanto, os encargados sobre os menores que incorresen en condutas tipificadas pola lei como delito ou falta. O xuíz de menores tamén recibe o expediente instruído polo fiscal para adoptar a decisión correspondente. Os xulgados de menores teñen competencias en toda a provincia e están nas capitais correspondentes.
Corresponde a estes Xuíces resolver estes asuntos e vixiar as medidas correctoras que se lles impoñan, vixilancia que pode perdurar ata os 23 anos de idade.