A Audiencia da Coruña anula o testamento dunha muller ingresada nunha residencia malia non estar incapacitada xudicialmente

Acolleu o recurso presentado pola irmá da octoxenaria contra a sentenza de primeira instancia que validou o testamento que realizou a favor dun carpinteiro que lle facía traballos na casa e mais da esposa deste

Autor
Comunicación Poder Judicial

.- A sección terceira da Audiencia Provincial da Coruña anulou o testamento dunha muller ingresada nunha residencia por considerar que, malia non estar incapacitada xudicialmente cando o asinou, tiña “gravemente afectada a súa capacidade mental”. O tribunal, ademais, destaca que era “unha persoa sumamente suxestionable”, que non comprendía “o alcance dos seus actos” e que tiña “minguada a súa intelixencia e vontade”. A Audiencia, desta forma, acolleu o recurso presentado pola irmá da octoxenaria contra a sentenza de primeira instancia que validou o testamento que realizou a favor dun carpinteiro que lle facía traballos na casa e mais da esposa deste.

O tribunal considera acreditado que a octoxenaria estaba incapacitada para tomar esas decisións cando en xuño de 2015 testou a favor do matrimonio e lle concedeu plenas facultades para administrar bens mobles e inmobles, así como toda clase de activos mobiliarios, incluíndo a administración e disposición de contas bancarias.

A Audiencia tamén anulou a escritura outorgada pola muller o 30 de setembro de 2015 na que designou o carpinteiro e a súa muller como titores para o suposto da súa incapacitación. En abril de 2016, a octoxenaria foi incapacitada e tutelada pola parella, que se mudou coas súas dúas fillas a vivir no piso da anciá unha vez que esta abandonou a residencia.

En novembro de 2015 Audiencia autorizou a muller para marchar da residencia da Zapateira que desde marzo dese ano lle pagaba a súa irmá, residente en Alemaña, para ser atendida no seu domicilio polo matrimonio. Os xuíces destacan na resolución que anula o testamento que “a capacidade para pronunciarse sobre negocios xurídicos máis complexos” é diferente a opinar e “sobre outras cuestións máis ordinarias da vida diaria, como pode ser onde quere vivir, se quere saír a pasear, se quere ver a televisión, o que quere comer e situacións similares, mentres teña un mínimo de capacidade”.