O TSXG rexeita os recursos do Concello de Ponteareas e de Eroski contra a demolición dun supermercado

O alto tribunal galego anulou a licenza de obras

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou os recursos de reposición interpostos polo Concello de Ponteareas e Eroski contra a providencia do 4 de outubro de 2019 relacionada coa execución da demolición do supermercado Eroski, situado na parroquia de Angoares, ordenada polo alto tribunal galego, que anulou a licenza de obras. “O Concello volve requirir información sobre a existencia dun cambio de criterio que nunca existiu, o que se explicou cumplidamente na providencia. A falta de adopción de medidas de execución forzosa pola Sala, o feito de que non se deduciu testemuño por desobediencia e a ausencia de impulso procesual durante varios anos, non teñen o valor xurídico de transmutar o obxecto da execución de sentenza”, salienta o TSXG.

A Sala insiste en que “en ningún momento” alterou ou modificou a orde de que se procedese á demolición do supermercado. Ese requirimento, segundo lembra o tribunal, “exteriorizouse na providencia do 15 de novembro de 2010, confirmouse mediante auto o 22 de decembro de 2010 e volveuse a confirmar mediante auto o 19 de xullo de 2012”. Por iso, advirte que “non é admisible” invocar que o Concello “puidese supoñer de boa fe que a ausencia de medidas de impulso procesual da executoria por parte da Sala tiñan o valor xurídico dunha alteración do decidido por resolucións firmes anteriores”. O TSXG recalca que resultaría “imposible xuridicamente” e que constituiría “unha contravención do fallo da sentenza, da xurisprudencia na materia e das propias resolucións firmes que ordenaran a demolición”.

Para o alto tribunal galego resulta “claro” que non hai “ningunha razón xurídica que xustifique a postergación ou demora na realización da demolición como actuación debida para a execución da sentenza”. En calquera caso, subliña que a providencia recorrida “de ningún xeito causa indefensión ao Concello”.

“A Sala non deduciu testemuño por desobediencia en todos estes anos, nin o fai na providencia recorrida, nin tampouco se impón ningunha multa coercitiva, nin se adopta outra medida de execución forzosa, sendo un mero recordatorio dunha obrigación que leva incumprindo todos estes anos, co único engadido de que se fixan prazos para o inicio do cumprimento e para a demolición efectiva, aínda que en canto a este último se establece a posibilidade de prórrogas por causa xustificada”, explican os maxistrados. Ademais, recalcan que, polo tempo transcorrido, “resulta censurable que o Concello non acredite a realización de nin unha soa actuación realmente dirixida a dar verdadeiro cumprimento ao fallo”. Os xuíces advirten que o Concello “non pode alegar a súa propia pasividade e inacción como argumento do que extraer un xuízo de intencións hipotéticas sobre o criterio da Sala”.

En canto ao recurso de Eroski, o TSXG decreta “a ausencia de terceiros de boa fe no presente caso, non tendo esa condición a entidade mercantil titular da licenza de obras anulada pola sentenza”. Con todo, asegura que decide “sen prexuízo do que haxa lugar a resolver se comparecese algún terceiro no futuro alegando a titularidade dalgún dereito que se puidese ver afectado pola demolición ordenada xudicialmente”. Os datos, segundo o tribunal, “avalan que o prexudicado pola anulación da licenza de obras para a construción do supermercado segue sendo a sociedade titular da mesma, a cal en ningún momento alega que se produciu ningunha transmisión do inmoble, nin se identifica a ningún outro terceiro que adquirise algún dereito sobre o inmoble ou a súa xestión”.