O TSXG confirma a pena de 18 anos e medio de cárcere por asasinar a un home en Ponte Caldelas

O relato de feitos probados, segundo o alto tribunal galego, é “claro en canto a que a vítima non se puido defender ante un ataque sorpresivo e inesperado”

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou o recurso contra a sentenza da sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra que, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, condenou a 18 anos e medio de cárcere e a oito anos de liberdade vixiada como autor dun delito de asasinato con aleivosía e asañamento ao home que en novembro de 2015 apuñalou na súa casa de Ponte Caldelas ao marido da muller coa que mantivo unha relación. O Superior destaca que o Tribunal do Xurado baseou a existencia de aleivosía sorpresiva en que o ataque á vítima cunha navalla “foi sorpresivo e inesperado, sen que tivese oportunidade de defenderse”, así como en que o condenado era “consciente de que o feito de portar unha navalla lle proporcionaba superioridade e aproveitouna”.

O relato de feitos probados, segundo o alto tribunal galego, é “claro en canto a que a vítima non se puido defender ante un ataque sorpresivo e inesperado”. Ademais, destaca que o falecido presentaba algunhas lesións derivadas “dunha reacción automática, non consciente, comprensible de calquera persoa que se atope nunha situación semellante”, o que non implica que tivese posibilidade de defenderse.

Aínda que a defensa sostén que entre os implicados houbo un forcexeo, esa circunstancia non foi acreditada polo Tribunal do Xurado. Aínda así, o Superior recalca que a existencia dun previo enfrontamento entre as partes non excluiría “o sorpresivo do ataque e a natureza aleivosa da acción, dado que non era esperado en modo ningún pola vítima, pois o agresor lle asestou nun dormitorio diversas puñaladas en zonas vitais do corpo cunha navalla”. O TSXG tamén rexeitou o recurso do Ministerio Fiscal, que pedía que non se tivese en conta a atenuante de dilacións indebidas.