A Audiencia condena a doce anos de cárcere un home que tentou matar a súa exparella en Santiago

Acoitelou a súa parella en xullo de 2017 no interior dun coche estacionado en Santiago de Compostela, preto da catedral, porque se negou a retomar a relación con el

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña condenou a doce anos de cárcere un home que acoitelou a súa parella en xullo de 2017 no interior dun coche estacionado en Santiago de Compostela, preto da catedral, porque se negou a retomar a relación con el. Os xuíces consideran acreditado que a intención do sospeitoso era “acabar coa súa vida” cando lle cravou unha navalla “varias veces con forza”, sen que a vítima nin a súa cuñada, que estaba dentro do turismo, puidesen deter os golpes. Finalmente, un axente da Policía Nacional de paisano conseguiu sacalo fóra do vehículo. O condenado e a súa ex parella atopáronse en Santiago de Compostela porque acudiran á cidade, cada un pola súa conta, para vender produtos en postos da rúa.

O tribunal considerouno culpable dun delito de homicidio en grao de tentativa coas agravantes de parentesco e de discriminación por razón de xénero, así como dun delito de malos tratos habituais sobre a muller e doutro continuado de ameazas leves de xénero. Ademais, impúxolle oito anos de liberdade vixiada e a prohibición de aproximarse e comunicarse coa vítima durante 20 anos. O condenado tamén deberá indemnizar a afectada con 120.000 euros polas lesións, incapacidade, secuelas e dano moral que lle causou.

Os maxistrados relatan na sentenza que o imputado e a vítima mantiveron unha relación sentimental entre 2015 e 2017. “Poucos meses despois de iniciada a vida en común, o acusado desenvolveu unha conduta intimidatoria consolidada tendente a someter a muller e dominala”, indica o tribunal na resolución, na que destaca que lle dicía que prefería matala “que vela con outro” e que lle esixía que lle entregase os cartos que obtiña por mendigar ou da venda ambulante de globos en feiras. Ese trato “violento”, segundo a Audiencia, “podía chegar a alcanzar o físico”. A vítima rompeu a relación “en xuño ou primeiros de xullo de 2017” debido a ese clima de “insultos, menosprezo e humillacións” e, uns días despois, o procesado tentou matala cando se atopou con ela en Santiago.