A Audiencia absolve tres funcionarios acusados de fracturar dúas costelas e romper o bazo a un interno de Teixeiro

O tribunal tamén absolveu o reo, ao que un dos funcionarios acusaba de golpealo

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña absolveu os funcionarios do centro penitenciario de Teixeiro sospeitosos de agredir un interno. O tribunal tamén absolveu o reo, ao que un dos funcionarios acusaba de golpealo. “Non resultou acreditado que, no cuarto utilizado polos educadores do centro e usado tamén polos funcionarios para as dilixencias de cacheo, os tres acusados propinasen puñadas e patadas no abdome ao interno ocasionándolle contusión costal esquerda, contusión no xeonllo esquerdo, fractura de dúas costelas e rotura do bazo”.

Os maxistrados consideran acreditado na sentenza que tiveron lugar “polo menos dous incidentes violentos” entre funcionarios do centro penal e o interno, quen nun deles sufriu a rotura de dúas costelas e a perda do bazo. Con todo, argumentan que decretan a absolución dos tres imputados polo incidente máis grave porque non se probou, “máis aló de toda dúbida razoable”, que as lesións llas causaran estes funcionarios ao agredilo o día 26 de maio de 2012, ben no cuarto do educador, como sostén a acusación pública, ben no cuarto de cacheos do módulo de ingresos, como asegura a acusación particular.

“Á mesma conclusión, dun pronunciamento absolutorio, temos que chegar con relación a outros tres funcionarios acusados do incidente acaecido ao día seguinte, o 27 de maio de 2012”, sinalan os xuíces. O denunciante declarou que cando ía ser trasladado ao módulo de illamento se produciu un incidente pola firma dun documento, polo que un dos acusados lle propinou unha labazada e, tras introducilo no cuarto destinado aos cacheos, e mentres outros funcionarios (aos que non chegou a identificar no acto do xuízo) o agredían e derrubaban ao chan, o primeiro pisoulle a cabeza, causándolle unha ferida na fronte.

Respecto á absolución do interno, ao que un dos funcionarios acusaba de agredilo, o tribunal argumenta que “o certo” é que “como consecuencia dalgún incidente violento acaecido probablemente o día 26 de maio de 2012, o interno sufriu un traumatismo que lle ocasionou a fractura de dúas costelas e a rotura do bazo”. Así, os maxistrados indican que “se estas lesións as causara, feito que non podemos acoller como acreditado, como consecuencia dunha extralimitación, unha agresión, por parte dos funcionarios do Corpo de Axudantes de Institucións Penais, a posible reacción violenta do interno non xustificaría o reproche ou sanción penal”.