Un Xulgado anula unha multa a un condutor que circulaba por Lugo durante o estado de alarma sen causa xustificada

A xuíza explica na sentenza que non consta que o recorrente “incumprise mandato ou orde algunha dos axentes da Policía Local” que o interceptaron cando se dirixía cara a Friol a deixar un remolque

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Lugo anulou unha multa imposta a un condutor que o pasado 29 de marzo, durante o estado de alarma, circulaba nun vehículo sen causa xustificada. A xuíza explica na sentenza que non consta que o recorrente “incumprise mandato ou orde algunha dos axentes da Policía Local” que o interceptaron cando se dirixía cara a Friol a deixar un remolque. A maxistrada, polo tanto, condenou á Subdelegación do Goberno en Lugo a devolverlle os 300,5 euros que abonara no período voluntario de pago da sanción, que ascendía a 601 euros.

“O ilícito administrativo de desobediencia require unha negativa ou resistencia do cidadán para cumprir unha concreta, clara e precisa orde ou mandato dos axentes da autoridade ou da autoridade no exercicio das súas funcións”, destaca a titular do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Lugo. Neste caso, segundo resalta a xuíza, “non existiu unha orde ditada polos axentes da autoridade que impuxese ao recorrente unha conduta activa, como podería ser que regresase ao seu domicilio no momento en que foi interceptado”.