A Audiencia confirma unha condena de 14 meses de cárcere para un veciño da Coruña que matou a dúas crías de gato na rúa

O xuíz destaca que o condenado non cesou no seu comportamento cando lle chamaron a atención, o que proba a súa “clara intención de seguir ata que os gatos van falecendo”

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña confirmou a condena de catorce meses de prisión que o Xulgado do Penal número 2 da Coruña lle impuxo a un veciño da cidade por matar a dúas crías de gato. Ademais da pena de cárcere por cometer dous delitos de malos tratos a animais domésticos, foi inhabilitado, durante catro anos, para toda profesión relacionada co coidado de animais ou tenza dos mesmos.

O sospeitoso, tal e como explica o maxistrado de primeira instancia na sentenza, sobre as 22 horas do día 24 de setembro de 2018, na zona de Eirís de Arriba, comezou a golpear co pau dunha escoba a seis crías de gato, as cales vivían nun tobo da zona e eran alimentadas polos veciños. Un residente no barrio, segundo consta no apartado de feitos probados da resolución, chamoulle a atención, ante o que o condenado incrementou “a brutalidade”, collendo a dúas crías polo rabo e, tras darlles voltas, estampounas contra o capó dun coche e cara a un tellado. Como consecuencia dos feitos, faleceron. 

O xuíz destaca que o condenado non cesou no seu comportamento cando lle chamaron a atención, o que proba a súa “clara intención de seguir ata que os gatos van falecendo”. O maxistrado indica que as probas son “claras”, pois o testemuño do veciño, “que ningunha relación ten co acusado”, está corroborado tanto polos axentes da Policía Local que se trasladaron ao lugar dos feitos como polas fotografías que realizaron.