A Audiencia confirma o arquivo da causa aberta contra o capitán do Deportivo tras a denuncia de LaLiga por un audio de wasap

O futbolista foi denunciado por LaLiga tras facerse público un audio que enviou a un grupo privado de wasap no que, segundo se fixo constar na denuncia, “manifestaba a posible predeterminación” do partido que o Deportivo ía disputar contra o Fuenlabrada

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña rexeitou o recurso presentado por LaLiga contra o sobresemento provisional e arquivo do procedemento aberto contra o capitán do Deportivo, Álex B., pola presunta comisión dun delito de corrupción entre particulares. O futbolista foi denunciado por LaLiga tras facerse público un audio que enviou a un grupo privado de wasap no que, segundo se fixo constar na denuncia, “manifestaba a posible predeterminación” do partido que o Deportivo ía disputar contra o Fuenlabrada.  

O tribunal salienta na resolución, que confirma a do Xulgado de Instrución número 3 da Coruña e contra á que non cabe presentar recurso, a “irrelevancia” da conversa na que o futbolista “transmite aos xogadores do seu equipo as súas impresións e preocupación en relación co descenso de categoría do club e a posibilidade dunha sanción ao Fuenlabrada que o evitase”. Os maxistrados coinciden coa maxistrada do Xulgado de Instrución número 3, quen indicou que a tese do amaño do partido entre xogadores “resulta máis ben o argumento dunha película ou novela de ficción”. Así, destacan que “visto o discorrer dos acontecementos, non se antolla algo dialecticamente esaxerado ou fóra de lugar”.  

Ademais, os xuíces destacan que é correcto “pechar o paso ao intento de converter a xurisdición (e o proceso penal) en algo que non é, en caprichoso vehículo de inxerencia socialmente innecesaria na esfera de liberdades dunha persoa”. A Audiencia entende que son “adecuados” os reproches xudiciais e do fiscal respecto “á pretensión dunha especie de investigación prospectiva ou inquisitorial”, á vez que lembra que “o delito de corrupción entre particulares non se inclúe dentro do catálogo de incriminación pechada dos actos preparatorios (resolucións manifestadas)”, valoración que, aplicada ao caso, asegura que “ben podería avalar o sobresemento non meramente provisional, senón o libre da causa”.  

A Audiencia tamén lembra que nun auto emitido o pasado mes de marzo ordenou que se investigase por detención ilegal aos dous policías que arrestaron ao capitán do Deportivo o pasado mes de agosto tras filtrarse o audio de wasap que enviou aos seus compañeiros, un asunto que se continúa tramitando.