A Audiencia condena a doce anos de cárcere un acusado de tentar asasinar a coiteladas a súa muller en Vigo

Nun momento de distracción, a muller conseguiu fuxir do seu domicilio ata a rúa, onde foi auxiliada

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a doce anos de prisión un home que tentou asasinar á súa parella en Vigo en novembro de 2019. O tribunal relata na sentenza que tras manter unha discusión na vivenda da vítima, a muller foi durmir e o sospeitoso quedou no salón da casa. Durante a madrugada, colleu un coitelo e dirixiuse ao dormitorio da súa compañeira sentimental, onde a atacou con el, cravándollo no pescozo. Nun momento de distracción, a muller conseguiu fuxir do seu domicilio ata a rúa, onde foi auxiliada.

“Tense que ter en conta que, aínda que non se produciu o resultado de morte buscado, por parte do procesado leváronse a cabo todos os feitos que deberían de causalo”, destaca o tribunal, á vez que salienta que o condenado utilizou “os medios adecuados para ocasionar o resultado de morte, que se non se produciu foi por causas alleas á súa vontade”. As maxistradas entenden que existe ánimo homicida debido “á arma empregada, á zona do corpo agredida e ás características e intensidade da agresión”. Debido ao inesperado do ataque, a vítima careceu de capacidade de reacción, pois se atopaba “na confianza da vivenda e durmida”.