O TSXG condena ao Sergas a indemnizar con 100.000 euros á familia dunha doente que faleceu tras dar a luz en Santiago

A Sala afirma que “con tal modo de actuar se privou á doente de determinadas expectativas de supervivencia”

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rebaixou de 150.000 a 100.000 euros a indemnización que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) deberá abonar a cinco familiares dunha muller de 31 anos que faleceu o 29 de setembro de 2015 tras dar a luz no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS). O tribunal considera probado que “se tivo que recorrer a un precipitado e anómalo parto vaxinal” debido a que “o equipo de obstetricia demorou inxustificadamente a práctica dunha cesárea que pneumólogos e anestesistas aconsellaban como a opción idónea e de menor risco para a embarazada ao chegar as 30 semanas de xestación, á vista da situación que presentaba a doente”, quen sufría fibrose quística. 

O día 11 de setembro, segundo indica o TSXG, no servizo de obstetricia “xa se consideraba conveniente poñer fin ao embarazo e no servizo de pneumoloxía aconsellábase que o parto fora por cesárea”, polo que conclúe que “non se explica por que non se levou a cabo nese momento e se decidiu demoralo, porque realmente a agravación do estado de saúde da paciente foi posterior, en concreto, a partir do día 15”. Esa demora, segundo afirman os maxistrados na sentenza, “abocou a un parto precipitado -o 17 de setembro-, que tívose que practicar vía vaxinal, a pesar de que constaba o elevado risco que iso comportaba para a saúde da doente, xa que, debido á fibrose quística que padecía, era moi probable que non fose capaz de afrontar o esforzo respiratorio que esixe”. 

O alto tribunal galego entende, ao contrario que o Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Santiago de Compostela, que neste caso debe aplicarse a doutrina da perda de oportunidade e que resulta erróneo considerar que constitúe un caso de mala praxe. Os xuíces explican na resolución que, á hora de fixar a indemnización, tal e como establece a doutrina da perda de oportunidade, debe terse en conta que o dano “non é o material correspondente ao feito acaecido, senón a incerteza ao redor da secuencia que tomasen os feitos de seguirse no funcionamento do servizo outros parámetros de actuación, en suma, a posibilidade de que as circunstancias concorrentes acaecesen doutra maneira”. 

A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo incide en que concorre “a incerteza causal” propia da perda de oportunidade, pois destaca que “non pode afirmarse, coa necesaria seguridade e contundencia, que a causa do falecemento foi a inadecuada actuación sanitaria ao demorar inxustificadamente a práctica da cesárea”. Así, afirma que “con tal modo de actuar se privou á doente de determinadas expectativas de supervivencia”. Os xuíces argumentan que se debe reducir o montante da indemnización debido a “a probabilidade de que o dano se producira, igualmente, de actuarse dilixentemente”. O tribunal sinala que, tras valorar as probas periciais, “pode deducirse que unha correcta actuación sanitaria podía incrementar notablemente as posibilidades de supervivencia da paciente, aínda que neste punto non pode ignorarse que a propia existencia da grave patoloxía determinaba que, en condicións normais, a esperanza de vida estaba entre os 40 e os 50 anos, mentres que a falecida tiña 31 anos cando acaeceu o óbito”. Contra a sentenza cabe interpoñer recurso de casación.