A Audiencia da Coruña obriga a pagar polo depósito de coches comisados para retiralos, aínda que non concluíse o proceso xudicial

Os maxistrados indican que o depósito xudicial se asimila á relación contractual na que “unha persoa cede, como actividade mercantil, un espazo nun local ou recinto do que é titular, para o estacionamento de vehículos de motor, cos deberes de vixilancia e custodia durante o tempo de ocupación, a cambio dun prezo determinado en función do tempo de estacionamento”

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Audiencia Provincial da Coruña decretou nun auto, contra o que non cabe interpoñer recurso, que os propietarios de vehículos intervidos en operacións policiais, os cales son trasladados para o seu depósito a unha nave do Colexio de Procuradores da Coruña, paguen os gastos ocasionados pola súa permanencia nas instalacións antes de ser retirados, para o que necesitan autorización xudicial. A sección primeira da Audiencia Provincial considera, polo tanto, que os donos dos turismos deben pagar antes de que llos devolvan, aínda que a causa xudicial non finalizase, e non con posterioridade, é dicir, cando conclúe o procedemento, en concepto de costas. 

Así o determinaron os maxistrados nun auto no que ordenan aos sete propietarios de catro vehículos de alta gama -un Audi e tres BMW-, intervidos a finais de 2019 pola policía nunha operación contra o tráfico de drogas, que abonen ao Colexio de Procuradores da Coruña os gastos ocasionados polo depósito dos coches antes de proceder á súa retirada. O xulgado que instrúe a causa de drogas, aínda aberta, autorizou a devolución dos automóbiles aos seus propietarios e decretou que os gastos polo seu depósito e custodia se reintegrarían ao Colexio de Procuradores en concepto de costas, cando finalizase o procedemento xudicial. A entidade colexial, con todo, recorreu ante a Audiencia esa decisión e reclamou que os donos dos coches lle abonasen previamente á súa retirada 3.644 euros en concepto de gastos. 

Os maxistrados da Audiencia Provincial indican no auto, contra o que non cabe presentar recurso, que o depósito xudicial se asimila á relación contractual na que “unha persoa cede, como actividade mercantil, un espazo nun local ou recinto do que é titular, para o estacionamento de vehículos de motor, cos deberes de vixilancia e custodia durante o tempo de ocupación, a cambio dun prezo determinado en función do tempo de estacionamento”. Do cal, segundo salientan os xuíces, “resulta que o titular do vehículo depositado está obrigado a abonar o prezo fixado para o aparcamento, antes da retirada do vehículo”, así como que “o titular do aparcamento terá, fronte a calquera persoa, dereito de retención sobre o vehículo en garantía do pago do prezo do aparcamento”, tal e como establece a Lei 40/02, reguladora do contrato de aparcamento de turismos. Por iso, dá a razón ao Colexio de Procuradores da Coruña e ordena aos propietarios dos vehículos depositados na causa que paguen os gastos ocasionados polo depósito con carácter previo á súa retirada.