A Audiencia da Coruña limita os días de cárcere substitutivos de multas en caso de impago

O tribunal establece que a pena de prisión non pode superar a solicitada no xuízo pola Fiscalía

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Audiencia Provincial da Coruña pronunciouse nun auto respecto á pena de prisión máxima pola que se deben substituír as multas dos condenados que se declaran insolventes. Os maxistrados establecen que, no caso de que se produza o impago da sanción económica e, en consecuencia, o xulgado a substitúa por días de cárcere, estes últimos non poden superar a pena solicitada pola Fiscalía no xuízo. Aínda que na resolución o tribunal analiza o caso dun condutor, o seu criterio é aplicable ás persoas multadas por outro tipo de delitos, entre eles os leves de lesións, ameazas ou coaccións, así como polos delitos de calumnias e inxurias, impago de pensións ou danos. 

No auto, a sección segunda da Audiencia acolle en parte o recurso dun condenado por un delito de condución sen permiso, concorrendo a agravante de reincidencia, á pena de multa de 2.850 euros. O condutor non fixo fronte ao pago da sanción, polo que o xulgado a substituíu por unha pena de prisión de 285 días. A Fiscalía, con todo, solicitara no xuízo unha condena menor, en concreto, 180 días de cárcere. “Se o inculpado aceptase en bloque e no escenario do xuízo oral a pretensión punitiva do fiscal, aínda sen rebaixa algunha consecuente á conformidade, a privativa de liberdade a cumprir sería de 180 días e non os 285”, destaca a Audiencia Provincial no auto. 

Os maxistrados advirten que, de acordo coa resolución do xulgado, o apelante “acabaríase enfrontando a unha pena certa e real moi superior á solicitada en xuízo, que xa era a máxima prevista na norma para a conduta de condución sen permiso”. Por iso, salienta que “o procedente é adecuar, limitar o cumprimento” do tempo de prisión ao pedido no xuízo pola Fiscalía. Por iso, acolle en parte o recurso do condutor e establece que os días de cárcere polos que o xulgado substituirá a multa non poderán superar os 180, pois, pola contra, quebrantaría o principio acusatorio, xa que sería castigado con 285 días de cárcere, unha pena superior á demandada pola Fiscalía na vista oral.