O TSXG exime á compañeira sentimental dun incapaz de inscribirse no rexistro de parellas de feito para xustificar a súa relación

Liberouna de pagar á Consellería de Facenda os 130.024 euros que lle reclamaba polo imposto sobre sucesións e doazóns de bens herdados da súa parella, falecida en 2010

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección cuarta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) eximiu unha muller da obriga de inscribirse no rexistro de parellas de feito para xustificar a relación co seu compañeiro sentimental, que foi incapacitado en 2006. O alto tribunal galego, desta forma, acolleu o recurso interposto pola afectada e liberouna de pagar á Consellería de Facenda os 130.024 euros que lle reclamaba polo imposto sobre sucesións e doazóns de bens herdados da súa parella, falecida en 2010.

Neste caso, a pesar de que non se discutía a relación de convivencia entre a recorrente e o seu compañeiro sentimental, a Axencia Tributaria de Galicia opoñíase ao recoñecemento da existencia dunha relación afectiva análoga á conxugal pola ausencia do requisito formal de inscribirse no rexistro de parellas de feito de Galicia. Os maxistrados indican na sentenza que o rexistro foi creado en decembro de 2007, polo que con anterioridade a esa data “a lei non podía esixir a inscrición e podíase acreditar a unión por outros medios de proba admisibles en Dereito”.

O TSXG resalta que a “peculiaridade” deste caso é que o falecido foi declarado incapaz porque sufría alzheimer polo Xulgado de Primeira Instancia de Ourense en xuño de 2006. “Nestas circunstancias era imposible que puidese, a partir desa data, prestar o seu consentimento para a inscrición da relación afectiva análoga á conxugal que viña mantendo coa recorrente”, asegura o tribunal, á vez que recalca que o rexistro se creou en 2007.

“Non cabe privar de efectos á unión pola non concorrencia dun requisito de imposible cumprimento en atención ás circunstancias do falecido, cuxa incapacidade foi declarada por resolución xudicial”, resaltan os maxistrados. Na sentenza, ademais, destacan que quedou acreditada a convivencia da parella por numerosas probas, entre elas testemuños orais e gráficos da relación mantida desde os anos 80, así como a adquisición de bens inmobles.