O Xulgado avala o illamento e corentena obrigatoria imposta pola Xunta a unha familia infectada pola COVID-19

A prolongación desta medida dependerá do ditame do Servizo de Medicina Preventiva do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Santiago de Compostela emitiu hoxe un auto no que ratifica a medida adoptada onte, 6 de xullo, pola Consellería de Sanidade na que acorda o illamento e a corentena obrigatoria dun núcleo familiar formado por unha parella e a súa filla menor de idade, infectados pola COVID-19, ata que deixen de representar un risco para a saúde pública. A prolongación desta medida dependerá do ditame do Servizo de Medicina Preventiva do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela. O maxistrado destaca que a autoridade sanitaria tomou unha decisión que ten “suficiente amparo legal” e que está dirixida a un fin “constitucionalmente lexítimo” como é “a defensa da saúde pública, a integridade física e a saúde da poboación en xeral”.

No auto, o xuíz indica que a resolución adoptada pola Xunta está “debidamente xustificada, respectando o principio de proporcionalidade que resulta da doutrina do Tribunal Constitucional”. Ademais, resalta que é “adecuada”, pois sostén que “non consta a posibilidade dunha medida menos gravosa ou lesiva para a consecución do obxectivo proposto”.