Os xulgados ratifican as medidas preventivas da Xunta para facer fronte á Covid-19 en Santiago e Santa Comba

A xuíza destaca que as medidas resultan “imprescindibles e necesarias” dada “a rápida progresión da enfermidade” neses municipios

Autor
Comunicación Poder Judicial

Os xulgados ratificaron hoxe as medidas de prevención fronte á COVID-19 acordadas pola Consellería de Sanidade o pasado 2 de setembro que afectan aos concellos de Santiago de Compostela e Santa Comba. Os xulgados do Contencioso-administrativo número 1 e 2 de Santiago de Compostela consideran constatada “a necesaria proporcionalidade nas medidas adoptadas, resultando adecuadas para conter os brotes”. Así, destacan que están “amparadas por normas de rango legal e limitadas no tempo, nun principio a sete días naturais desde a publicación da orde, suxeitas a avaliación e revisión continua, e circunscritas ao ámbito xeográfico” de cada un dos concellos.

A xuíza que asina os dous autos considera que a limitación de reunións grupais por encima das dez persoas nos dous municipios é “proporcional e necesaria, xa que é notorio que é unha das actividades de maior risco para a transmisión da COVID-19”. 

A maxistrada asegura que as medidas adoptadas en Santiago e Santa Comba resultan “imprescindibles e necesarias” dada “a rápida progresión da enfermidade” neses municipios. Ademais, resalta que non implican “un sacrifico excesivo” para a poboación e que son “adecuadas ao obxectivo de facer fronte á situación de pandemia dada a fácil transmisibilidade da enfermidade”. A maxistrada entende que as normas aprobadas pola Xunta “respectan o principio de proporcionalidade que resulta da doutrina do Tribunal Constitucional”, pois está comprometido “o dereito á saúde e á integridade física da cidadanía”.

Respecto a Santiago, sinala que a taxa de incidencia da COVID-19 medra no municipio e que o grupo de idade que presenta a taxa de positividade máis elevada é o de entre 20 e 24 anos. “Os indicadores que definen o brote sitúano como potencialmente de alto risco, con múltiples cadeas de transmisión e unha alta porcentaxe de probas PCR positivas entre os contactos estreitos dos casos detectados”, afirma a xuíza, quen destaca que é “de relevancia” o brote vinculado ao complexo deportivo Fontes do Sar.