O TSXG acorda que os membros da carreira xudicial traballen de forma presencial

A partir de mañá, os xuíces e xuízas recuperarán a quenda ordinaria previa á declaración do estado de alarma. A decisión tomouse tras a activación da Fase 2 do Plan de Desescalada para a Administración de Xustiza

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou que os membros da carreira xudicial traballen de forma presencial a partir de mañá. Polo tanto, as quendas de presenza e dispoñibilidade dos xuíces e xuízas de todos os órganos xudiciais de Galicia quedan suprimidas, recuperándose a quenda presencial ordinaria previa á declaración do estado de alarma, segundo consta no acordo adoptado hoxe en reunión extraordinaria pola Sala de Goberno.

A decisión tomouse tras a publicación da Orde JUS/430/2020, do 22 de maio, pola que se activa a Fase 2 do Plan de Desescalada para a Administración de Xustiza ante o COVID-19, e tendo en conta a resolución do 25 de maio de 2020 na que a Xunta decreta que as oficinas xudiciais deben contar coa presenza de entre un 60% e 70% do persoal efectivo.

O pasado 4 de maio a Sala de Goberno do TSXG xa deixara sen efecto o sistema de quendas presenciais aprobado o 15 de marzo para permitir a todos os xuíces e xuízas de Galicia a posibilidade de traballar de forma presencial. Os que entón xa optaron voluntariamente por esa opción fixérono, do mesmo xeito que farán os que se reincorporen mañá, cumprindo as indicacións e prevencións sanitarias que se recollen na Guía de Boas Prácticas para a Reactivación da Actividade Xudicial e Adopción de Medidas de Saúde Profesional para a Prevención de Contaxios en Sedes Xudiciais, aprobada polo Consello Xeral do Poder Xudicial o pasado 29 de abril.