O CXPX reforza os xulgados de Primeira Instancia de Ourense, o de cláusulas abusivas de Vigo e a Audiencia de Pontevedra

A Comisión Permanente aprobou as medidas durante seis meses co obxectivo de facer fronte á carga de traballo que soportan estes órganos

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) acordou na Comisión Permanente celebrada hoxe renovar durante seis meses as medidas de apoio para reforzar o Xulgado de Primeira Instancia nº6 de Ourense, especializado en dereito de familia, determinación da capacidade e internamentos, así como o Xulgado de Primeira Instancia nº14 de Vigo, especializado en cláusulas abusivas, e a Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra. En concreto, deu o visto e prace a unha comisión de servizo sen relevación de funcións a favor de Luis Doval Pérez, titular do Xulgado de Instrución nº2 de Ourense, co obxectivo de responder á entrada de asuntos do Xulgado de Primeira Instancia nº6 de Ourense, que superou amplamente o indicador que establece o CXPX. En concreto, excedeuno en 2017 nun 135 %; en 2018, nun 127 %; e, no primeiro semestre de 2019, nun 129 %. O rendemento da maxistrada titular do órgano superou no primeiro semestre deste ano nun 186 % a cifra máxima recomendada.

O CXPX tamén acordou reforzar o Xulgado de Primeira Instancia nº14 de Vigo, especializado a nivel provincial en demandas de accións individuais sobre condicións xerais incluídas en contratos de financiamento con garantías reais inmobiliarias cuxo prestatario sexa unha persoa física. A medida consiste na renovación da comisión de servizo sen relevación de funcións a favor de Daniel Tomás López, titular do Xulgado de Primeira Instancia nº15 de Vigo. A entrada de asuntos do órgano superou o indicador establecido polo CXPX nun 352 % en 2017; nun 237 % en 2018; e nun 203 % no primeiro semestre de 2019. Entre xaneiro e xuño deste ano, o rendemento do maxistrado titular excedeu nun 287 % o indicador.

O Consello Xeral do Poder Xudicial tamén acordou reforzar a Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra coa renovación da comisión de servizo con relevación de funcións a favor de Juan José Trashorras García, titular do Xulgado do Penal nº1 de Pontevedra. A carga de traballo do órgano no período analizado alcanzou o 140 % en 2017, o 99 % en 2018, ano no que debe terse en conta a folga de funcionarios que afectou o normal funcionamento da Administración de Xustiza en Galicia, e o 126 % no primeiro semestre de 2019. Ademais, a dedicación do órgano superou o indicador no período analizado, alcanzando o 156 % en 2017, o 104 % en 2018 e o 141 % no primeiro semestre de 2019.