Un Xulgado da Coruña condena a 15 meses de cárcere a un usuario dos servizos dunha entidade social por fustrigar a unha traballadora

O maxistrado destaca que, entre outubro de 2023 e xaneiro de 2024, lle enviou case 700 correos, ademais de comparecer no seu lugar de emprego

Autor
Comunicación Poder Judicial

O maxistrado do Xulgado do Penal número 3 da Coruña condena a 15 meses de cárcere a un usuario dos servizos dunha entidade social por fustrigar a unha das traballadoras. Ademais, imponlle a prohibición de aproximarse e de comunicarse coa vítima durante catro anos, así como o pagamento dunha indemnización de 3.000 euros. 

O xuíz considera probado que o sospeitoso lle remitiu, entre outubro de 2023 e xaneiro de 2024, un total de 698 correos. “Ela nunca lle deu pé a que puidese pensar que sentía interese por el”, salienta o maxistrado na sentenza, na que subliña que, ademais das mensaxes, “compareceu no seu lugar de traballo en varias ocasións, téndoselle que prohibir a entrada”. 

De feito, unha das veces, segundo relata na resolución, “entrou poñendo música cun aparello no peto e cunha planta chea de corazóns”. Aínda que foi expulsado, “tentou entrar outras veces”. O xuíz sinala que un día no que a vítima estaba a piques de saír, “apareceu agachado nas escaleiras”, polo que tivo que chamar á Policía.  

“Todo isto provocou alteración das súas rutinas diarias, tendo que ser acompañada polas súas compañeiras de traballo alá onde ía. Vivía en permanente estado de tensión”, destaca o titular do Xulgado do Penal número 3 da Coruña, quen entende que quedou probada “esa insistencia e reiteración de condutas como buscar a proximidade física da denunciante, perseguila, vixiala e establecer ou tentar establecer contacto con ela, ben de maneira presencial ou ben a través do correo electrónico”. 

Ademais, incide en que a prexudicada tivo que cambiar as súas rutinas, “evitando quedar soa, traballando a porta pechada, acudindo a distintas cafeterías para non estar sempre na mesma e ser detectada polo acusado”, o que provocou que vivise “nun estado de constante desasosego e inquietude”. 

O xuíz basea o grao e extensión concreta da pena imposta na duración temporal do acoso, “que se estendeu durante varios meses”, e na súa intensidade, “cunha multiplicidade de actos como buscala, perseguila, vixiala e tratar de achegarse e escribirlle centenares de correos electrónicos, aludindo, ademais, aos paseos que daba coa súa filla, o que aumentou o temor da prexudicada”. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante a Audiencia Provincial da Coruña.