O maxistrado da Sala do Social do TSXG Fernando Lousada é distinguido nos Premios Mérito Social

Foi galardoado coa Mención de Honra á Xustiza pola súa traxectoria profesional na área do dereito laboral. O Consello Xeral de Graduados Sociais de España recoñece o labor de persoas e institucións que contribuíron de maneira destacada ao progreso social, xurídico e laboral

Autor
Comunicación Poder Judicial
Fernando Lousada en la XX Edición de los Premios al Mérito Social
Fernando Lousada en la XX Edición de los Premios al Mérito Social

O maxistrado da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) José Fernando Lousada Arochena foi distinguido hoxe dentro da XX Edición dos Premios ao Mérito Social, concedidos polo Consello Xeral de Graduados Sociais de España para recoñecer o labor de persoas e institucións que contribuíron de maneira destacada ao progreso social, xurídico e laboral. En concreto, o maxistrado foi galardoado coa Mención de Honra á Xustiza.

Ao acto solemne, celebrado hoxe no Senado, asistiron representantes institucionais e autoridades do ámbito xurídico e laboral, así como membros dos colexios de graduados sociais de España.

Á hora de concederlle a distinción, tiveron en conta a traxectoria profesional de Lousada na área do dereito laboral. Así, destacan que o maxistrado do TSXG, que tamén é graduado social, marcou xurisprudencia en diversas materias laborais e sociais.

Entre elas, resaltan as primeiras sentenzas sobre indemnización por acoso sexual no traballo; cuestións de constitucionalidade sobre discriminación sexista indirecta en materia de dereitos de seguridade social no traballo a tempo parcial; cuestións prexudiciais ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea sobre risco durante a lactación natural e sobre discriminación de traballadoras fixas descontinuas contratadas pola axencia tributaria para a campaña da renda.

Ademais, ditou sentenzas significativas, que motivaron cambios legais, xudiciais ou doctrinais sobre axuizamento con perspectiva de xénero, discriminación por maternidade, discriminación por aparencia de discapacidade, dereitos de conciliación como dereitos fundamentais, discriminación sexista indirecta na seguridade social, control empresarial a través de micrófonos, cláusulas de rescisión en contratos de futbolistas, dereitos laborais en concurso de acredores ou dereitos de traballadores migrantes.

Lousada tamén é autor de numerosos libros monográficos e participou en libros colectivos e artigos de revista especializados en igualdade de xénero, dereitos fundamentais no traballo, independencia xudicial e axuizamento de xénero.

Galería de imaxes

Fernando Lousada en la XX Edición de los Premios al Mérito Social

Fernando Lousada en la XX Edición de los Premios al Mérito Social

El magistrado Fernando Lousada Arochena

El magistrado Fernando Lousada Arochena