A Audiencia absolve ao arquitecto municipal de Negreira dun delito de falsidade documental na recepción dunha obra

A declaración do sospeitoso, segundo indican os maxistrados, quedou corroborada “pola proba documental e as declaracións de testemuñas e peritos”

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña absolve ao arquitecto municipal de Negreira do delito de falsidade en documento oficial do que lle acusaba o Ministerio Fiscal por asinar unha acta de recepción dunha obra que non se correspondía co proxecto inicial debido á diferenza de metros cadrados na pavimentación dunha pista. O tribunal considera que “non faltou á verdade” ao asinar, en maio de 2017, como director de obra, a acta de recepción dos traballos de asfaltado de pistas no Concello de Negreira. 

A declaración do sospeitoso, segundo indican os maxistrados, quedou corroborada “pola proba documental e as declaracións de testemuñas e peritos”. O acusado lembrou que a acta se asina como proba de que o contratista devolve os traballos contratados á administración, pero, nese momento, non se miden as obras executadas. De feito, unicamente comprobou que as pistas se podían “usar e poñer en funcionamento”. 

A Audiencia explica na resolución que na pista de Bouza a Zas se asfaltaron 80 metros lineais menos dos orzados debido ás condicións impostas pola Dirección  Xeral de Patrimonio da Xunta porque confluían co Camiño de Santiago. Con todo, eses metros de menos compensáronse con outras obras de mellora nesa pista e noutras incluídas no proxecto. Eses axustes executáronse de acordo á Lei de Contratos do Sector Público, xa que o seu valor non superaba o 10 % do orzamento inicial. Contra a sentenza cabe interpoñer recurso de apelación.