A Audiencia Provincial de Ourense impón oito anos de cárcere a unha muller que matou a un home ao que coñeceu por unha rede social

Foi considerada autora dun delito de asasinato consumado, coa concorrencia da eximente incompleta de anomalía psíquica e as circunstancias atenuantes de confesión e de reparación do dano

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Audiencia Provincial de Ourense condenou, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, a oito anos de cárcere, con adopción da medida de internamento en establecemento adecuado durante o mesmo período, á muller que matou, en agosto de 2021 en Cortegada (Ourense), a un home ao que coñecera por internet. A sospeitosa foi considerada autora dun delito de asasinato consumado, coa concorrencia da eximente incompleta de anomalía psíquica e as circunstancias atenuantes de confesión e de reparación do dano. O Ministerio Fiscal, tal e como consta na sentenza, interesou nas súas conclusións provisionais a imposición desa pena de oito anos de prisión, unha solicitude á que se adheriu a defensa da acusada.

O maxistrado presidente relata na sentenza que o Tribunal do Xurado considerou probado que a condenada coñeceu á vítima, residente en Cataluña, a través dunha rede social de contactos e, tras intercambiarse os teléfonos móbiles, comezaron a falar a través de WhatsApp o 9 de agosto de 2021. Como consecuencia da relación iniciada, a acusada convidouno a pasar uns días na súa casa, ao que o home accedeu. Tras convivir tres días, durante os que “mantiveron varias discusións”, entre os días 23 e 24 de agosto de 2021, a muller, segundo consta no fallo, “proporcionoulle, de forma premeditada,” unha cantidade non determinada dun hipnótico e un antidepresivo, os cales o adormentaron “ata o punto de inconsciencia”. Seguidamente, “aproveitando a intimidade do domicilio e o seu estado de somnolencia e inconsciencia, e movida polo ánimo de terminar coa súa vida, utilizando un almofadón,  apertou fortemente o mesmo contra a cara da vítima que, ante a carencia de aire, faleceu nese momento”.

O Tribunal do Xurado tamén entendeu probado que trasladou o cadáver o xardín da súa casa, onde realizou unha serie de fogueiras, nunha das cales o lanzou o corpo. “Acelerando a mesma con gasolina e fragmentando o cadáver, reduciu practicamente o mesmo a cinzas, salvo os restos óseos que quedaron tras o lume e o pé esquerdo, que enterrou nun dos laterais da vivenda”, indica o maxistrado presidente no apartado de feitos probados da sentenza. No fallo sinala que o Tribunal do Xurado concluíu que a acusada sofre “un trastorno de ansiedade xeneralizada, un trastorno obsesivo compulsivo e un trastorno da personalidade, existindo unha limitación moderada da vontade en relación coa morte da que se lle acusa, non así coa posterior manipulación e desaparición do cadáver.” Ademais, salienta que “non existe alteración da intelixencia e comprende perfectamente a ilicitude dos feitos dos que se lle acusa”.

O Tribunal de Xurado valorou, segundo o fallo, “a singular declaración autoinculpatoria da acusada, que recoñeceu no xuízo a autoría do homicidio aleivoso imputado e a súa posterior acción dirixida a queimar, desmembrar e enterrar o cadáver do falecido”. Ademais, o maxistrado presidente indica que tivo en conta “as exhaustivas declaracións dos axentes da Garda Civil, que resaltaron a sinalización por parte da acusada dos restos enterrados do cadáver da vítima, depositados en distintos lugares da súa leira e outras adxacentes”, así como a análise das probas periciais, que revelaron “a concreta forma de causación da morte e a determinación da identidade física e xenética do falecido; así como a presenza de vontade homicida derivada da cremación e ocultación do corpo unha vez fragmentado, substancias farmacolóxicas achadas nos restos cadavéricos e a gasolina utilizada para lograr a súa combustión”. Ademais, tivo en conta a información dos forenses acerca dos trastornos de personalidade da acusada. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante o TSXG.