A XXVI Escola de Verán do Poder Xudicial analizará a Xustiza na Constitución española
As xornadas, ás que asistirán xuíces e xuízas de diferentes comunidades autónomas, celebraranse entre o 2 e o 12 de xullo no pazo de Mariñán, na Coruña. As conferencias e mesas redondas serán impartidas por maxistrados/as, catedráticos/as e especialistas nas materias. Tratarán asuntos como que espera a cidadanía da Xustiza, os cambios xeracionais na carreira xudicial ou a creación de xurisprudencia por parte do Tribunal Supremo
- Autor
- Comunicación Poder Judicial

O marco estrutural da Xustiza, o seu goberno e a súa regulación constitucional serán os temas centrais da vixésimo sexta edición da Escola de Verán do Poder Xudicial, que se celebrará no Pazo de Mariñán, situado en Bergondo (A Coruña), entre o 2 e o 12 de xullo. Ás xornadas, que contan coa colaboración da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, asistirán xuíces e xuízas de toda España. Nelas, abordarán asuntos como os límites do Poder Xudicial na defensa do Estado de Dereito, que espera a cidadanía da Xustiza ou os retos da xustiza social.
O avogado presidente de Honor de RocaJunyent, Miguel Roca Junyent, impartirá a conferencia inaugural, durante a que profundará no tipo de Xustiza na que pensaba o constituínte de 1978, mentres que o maxistrado da Sala Primeira do Tribunal Supremo Ignacio Sancho Gargallo clausurará a Escola de Verán cun relatorio titulado Ética, independencia e imparcialidade.
O diálogo entre os tribunais españois e os europeos será analizado nunha mesa redonda na que intervirán o presidente do Tribunal Supremo, e.f., Francisco Marín; a presidenta da Audiencia Provincial de León, Ana del Ser; e o presidente da Asociación para o Estudo do Dereito Europeo, Javier Díez-Hochleitner. Noutra das mesas redondas do curso, a maxistrada da Sala Terceira do Tribunal Supremo Pilar Teso Gamella e José Manuel Bandres Sánchez-Cruzat, maxistrado da mesma sala, analizarán a identidade constitucional do Tribunal Supremo e a creación de xurisprudencia. Ademais, dentro do mesmo formato, as maxistradas María Teresa Cortizas -sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña-, Amparo Salom -Xulgado de Primeira Instancia nº3 de Torrent- e Teresa Puchol -Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº4 de Dos Hermanas- profundarán nos cambios xeracionais na carreira xudicial, nas súas novas inquietudes e esixencias, así como no uso das redes sociais por parte da xudicatura.
Nesta edición da Escola de Verán, de cuxa dirección académica se encargan os vogais do CXPX Juan Manuel Fernández e Álvaro Cuesta, tamén haberá unha mesa de mediación dedicada ao dereito de Familia. Ademais, debaterase sobre a mediación na xurisdición Contencioso-administrativa e sobre os Medios Adecuados de Resolución de Conflitos (MASC). O maxistrado da Audiencia Nacional Alejandro Abascal abordará as debilidades e fortalezas do actual sistema penal, mentres que noutras tres mesas redondas se tratarán os seguintes temas: o proxecto da Lei de Axuizamento Criminal; os tribunais de instancia e o dereito de defensa; e os límites do Estado de Dereito, o dereito de graza e a independencia xudicial.