O TSXG declara revogada a condición de herdeiro nun testamento por estaren separados os cónxuxes

O falecido nomeou herdeira en 2010 a súa entón esposa, de quen posteriormente se separou

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Civil e Penal do TSXG emitiu unha sentenza na que declara que os testamentos a favor dos cónxuxes son ineficaces cando no momento de falecer estean separados ou divorciados, legalmente ou de feito. Na resolución, cuxo relator é o maxistrado Pablo A. Sande García, explícase que no caso concreto sobre o que se pronuncia, o falecido nomeou herdeira en 2010 a súa entón esposa, de quen posteriormente se separou.

No testamento, segundo o TSXG, o marido “revelou a razón pola que a nomeaba a súa herdeira, sen que nada faga concluír que se non fose a súa esposa a instituíse herdeira universal”. Así, os maxistrados destacan que unha vez que os cónxuxes se separaron de feito, en 2012, esa disposición testamentaria “quedou privada de causa ou motivo”. No momento da apertura da sucesión do testador, cando faleceu, en 2015, “persistía a separación, sen que fose acreditada reconciliación ningunha entre ambos”, indican.

O TSXG precisa na sentenza, interpretando o artigo 208 da Lei de Dereito Civil de Galicia que, salvo que se especifique no testamento que aínda nos supostos de ruptura ou crise matrimonial o cónxuxe é o herdeiro, esta disposición quedará sen efecto neses casos. A Sala salienta que a ineficacia “non esixe nin require declaración ningunha de vontade do testador que a complete ou ratifique ao tempo do seu falecemento” e conclúe que o lexislador galego parte do entendemento de que as disposicións testamentarias a favor do cónxuxe efectúanse “na súa condición de tal e sempre que o sexa”, de maneira que quedarán sen efecto se ao falecer os cónxuxes se atopan, entre outros supostos, divorciados ou separados, legalmente ou de feito.