A Audiencia de Ourense condena a dous anos de prisión ao alcalde de Verín por cometer un delito contra a ordenación do territorio

A Sala destaca que acordou a execución indebida de obras na contorna da igrexa de San Bartolomé, as cales “necesitaban proxecto técnico, licenza municipal e autorización da Consellería de Cultura”

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense condena a dous anos de cárcere ao alcalde de Verín como autor dun delito contra a ordenación do territorio. Ademais, imponlle unha multa de 2.520 euros e inhabilítao durante un ano para o exercicio da actividade de promotor de obras e para o exercicio do dereito do sufraxio pasivo durante o tempo da condena. O tribunal absólveo do delito de prevaricación urbanística do que estaba acusado. 

A Sala considera probado que o acusado, na súa condición de alcalde, en data non determinada do mes de febreiro de 2019, acordou a realización, na contorna de protección da igrexa de San Bartolomé, de obras consistentes na demolición e o levantado do firme de formigón, na escavación de gabias para a introdución de novas canalizacións e soterramento das redes de subministración eléctrica e iluminación pública, na introdución de arquetas e canalizacións e na execución de novo firme. 

Na sentenza, destaca que o 20 de febreiro de 2019 un técnico da Consellería de Cultura, tras visitar as obras, emitiu un informe no que requiriu ao Concello de Verín para que as paralizase preventivamente “por carecer do preceptivo informe de Patrimonio, acordando a reposición da legalidade urbanística, a presentación do correspondente proxecto e a adopción das medidas necesarias para preservar o portalón de entrada á igrexa”. Con todo, segundo consta na sentenza, continuouse coa execución das obras, “conscientes da ilegalidade das mesmas”. 

“O acusado (arquitecto de profesión, aínda que desempeña funcións de alcalde), promoveu a realización das obras sen presentar o correspondente proxecto técnico elaborado por técnico competente e sen contar coa preceptiva autorización da Consellería de Cultura”, subliña a Sala, á vez que indica que os traballos se realizaron “na contorna da zona de protección da igrexa de San Bartolomé, integrada no catálogo do PXOM de Verín de 2012 e no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia”. 

A Audiencia Provincial de Ourense indica na sentenza que, na ordenación do territorio, a figura do alcalde “xoga un papel crucial na protección de zonas, principalmente no que respecta á planificación e execución de plans territoriais e urbanísticos municipais”. Así, recalca que, “como máximo responsable municipal, é o encargado de velar polo cumprimento da normativa e de representar os intereses da comunidade na xestión do territorio”. 

Os maxistrados conclúen que o acusado “acordou a execución indebida de determinadas obras que necesitaban proxecto técnico, licenza municipal e autorización da Consellería de Cultura, sen obtela”. A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante o TSXG.