O TSXG confirma a condena de nove anos de cárcere a un pai que agrediu sexualmente a súa filla de oito anos na Coruña
Confirma, desta forma, a sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña, que absolveu á avoa e á nai da menor, ás que a Fiscalía acusaba de consentir as agresións sexuais
- Autor
- Comunicación Poder Judicial
A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeitou o recurso presentado por un pai condenado a nove anos e tres meses de cárcere por agredir sexualmente a súa filla, nacida en 2005, durante un período de tempo indeterminado, pero polo menos entre 2013, cando a menor tiña 8 anos, e 2016, cunha frecuencia "practicamente semanal".
O alto tribunal galego confirma, desta forma, a sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña, que absolveu á avoa e á nai da menor, ás que a Fiscalía acusaba de consentir as agresións sexuais. Respecto á nai, os xuíces concluíron que carecía “de capacidade real para actuar en cumprimento do deber do garante", pois padece unha discapacidade intelectual leve, "o que favorecía que as súas decisións e opinións dentro da familia fosen inapreciables". En canto á avoa paterna, que tamén sufría a violencia do seu fillo, non quedou acreditado que tivese constancia dos feitos. A muller, segundo a resolución, “tiña como prioridade, dada a súa simpleza, a defensa da fama da familia, do seu propio fillo".
Ademais da pena de cárcere, a Audiencia tamén lle impuxo ao acusado dez anos de liberdade vixiada, a privación da patria potestade respecto dos seus tres fillos, nados entre 2004 e 2008, e a prohibición de comunicarse por calquera medio e aproximarse a eles durante quince anos.
O TSXG salienta que, ademais do testemuño da vítima, que reúne “todos os requisitos” de credibilidade e verosimilitude, existen elementos periféricos que xustifican a condena ao investigado. Entre eles destaca os tocamentos e comportamentos con connotacións sexuais observados polas persoas que acolleron á menor, así como os informes psicolóxicos, que conclúen que o relato da nena é verosímil e coherente coas secuelas psicolóxicas que padece, as cales se reflicten no seu comportamento no colexio e en situacións de acollemento.
A valoración da sentenza de instancia é, segundo a Sala do Civil e Penal, “coherente e racional”, pois analiza os testemuños, detalla a coincidencia entre eles nos feitos esenciais e razoa por que descarta os móbiles espurios invocados polo acusado. Pola contra, o tribunal asegura que as alegacións defensivas “non pasan dunha mera negación dos feitos ou de ofrecer unha versión alternativa que non conta con apoio probatorio algún”.
En canto á aplicación da eximente ou, subsidiariamente, da atenuante cualificada de embriaguez que demanda o condenado, o Superior sinala que non existe proba que acredite a afectación da vontade ou da capacidade de entendemento do acusado polo consumo abusivo de alcol. “Unicamente é posible apreciar a atenuante analóxica que se aplica na sentenza apelada ao inferir de tal abuso unha diminución do freo inhibitorio”, indica.