O presidente do TS e do CXPX inaugura a Escola de Verán do Poder Xudicial de Mariñán
Relatores e asistentes debaterán nesta edición sobre que Xustiza desexan os xuíces españois. O vicepresidente da Xunta e o presidente da Deputación participarán tamén no acto de inauguración
- Autor
- Comunicación Poder Judicial

O presidente do Tribunal Supremo e do CXPX, Carlos Lesmes, inaugura ás 19 horas, a décimo novena edición da Escola de Verán do Poder Xudicial, que se celebra no pazo de Mariñán do 5 ao 15 de xullo. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente da Deputación provincial, Valentín González Formoso, participarán tamén no acto, ao que asistirán varios vogais do Consello Xeral do Poder Xudicial, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e o fiscal superior.
A Escola de Verán desenvólvese este ano baixo o título Que Xustiza desexan os xuíces españois. Cos vogais Juan Manuel Fernández e Álvaro Custa como directores académicos, os relatores do primeiro curso reflexionarán sobre o papel do xuíz nunha sociedade democrática e sobre a clase de Xustiza que necesitan para poder asumir os novos retos que a sociedade do século XXI demanda.
O curso, que contará coa presenza de presidentes de Tribunais Superiores de Xustiza, representantes de colexios profesionais e asociacións de xuíces, entre outros, foi presentado hoxe polo vogal Juan Manuel Fernández e o presidente do TSXG, Miguel Ángel Cadenas. Ao acto asistiron tamén o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e o xefe do Gabinete de Presidencia da Deputación da Coruña, Gonzalo Prego Fernández. O vogal lembrou que para que o mundo da Xustiza "funcione correctamente" fai falta un "xuíz independente e imparcial" cun "poder xudicial que conte cos medios precisos para poder levar a cabo a súa función", para o que "necesita a colaboración das administracións".