O TSXG decreta que os concellos eran incompetentes para multar por non levar máscara antes de finais de febreiro de 2021

A Sala conclúe que ata que se reformou a Lei de Saúde de Galicia “non había unha regulación efectiva da atribución da competencia” a favor das administracións municipais

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decretou nunha sentenza notificada hoxe que os concellos son incompetentes para tramitar os expedientes sancionadores abertos pola Policía Local ou a Policía Nacional por denuncias presentadas antes de febreiro de 2021 por non levar máscara, en amparo do Real Decreto Lei 20/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. En concreto, o alto tribunal galego rexeitou o recurso presentado pola Xunta de Galicia contra unha sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Lugo que determinou que o Concello de Monforte de Lemos era incompetente para tramitar as sancións. 

O TSXG salienta que as administracións municipais carecían de competencia para sancionar antes da reforma da Lei de Saúde de Galicia 8/2021, que entrou en vigor o 27 de febreiro de 2021. Os maxistrados recalcan que as dúbidas acerca da competencia para sancionar eran “de tal intensidade” que obrigaron ao Goberno galego a levar a cabo unha reforma lexislativa. “A reforma legal non é unha simple aclaración de dúbidas, senón unha contundente regulación legal da competencia sancionadora en uso das competencias autonómicas en materia de sanidade e saúde pública”, indican os xuíces, os cales inciden en que non era unha “competencia xa atribuída á administración local sobre a que despexar dúbidas”. Por iso, sinalan que o lexislativo “lexisla en exercicio dunha competencia, non como intérprete auténtico da norma preexistente”. 

Por esta razón, a Sala conclúe que a reforma atribuíu unha competencia á administración local da que ata entón carecía. “A necesidade deste precepto é consecuencia da insuficiencia da regulación anterior para determinar a existencia da competencia municipal nesta materia, ou máis ben para testemuñar de forma expresa que non existía ata entón”, sinala o TSXG na resolución, contra a que cabe presentar recurso.