A Audiencia condena a 40 anos de cárcere ao veciño de Soutomaior que asasinou a tiros á súa irmá e á súa sobriña

A Audiencia explica que no xuízo non se cuestionou que o acusado disparase, “senón se esa conduta a levou a cabo dunha forma aleivosa ou como solución ante unha situación de medo que lle xerou a necesidade de defenderse”

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, a 40 anos de cárcere ao veciño de Soutomaior que asasinou a tiros á súa irmá, de 62 anos, e á súa sobriña, de 26 anos, en agosto de 2020, cando se trasladaron ao seu domicilio para pedirlle que lles devolvese unha escaleira que lle prestaran. Ademais, impúxolle o pago dunha indemnización que suma 257.260 euros a tres familiares das vítimas. Na sentenza, o maxistrado presidente indica que o investigado, tras coller unha pistola, se dirixiu cara ás vítimas, as cales colleran a escaleira e estaban na parte sen cubrir da vivenda, e lles disparou coa intención de acabar coa súas vidas, “de forma sorpresiva para elas e a curta distancia, evitando así calquera posibilidade de defenderse”. 

O Xurado, que baseou o seu veredicto tanto nos informes forenses como no informe técnico policial e de inspección ocular, considerouno culpable de dous delitos de asasinato, coa concorrencia, en ambos, da circunstancia de aleivosía, e, ademais, no da súa irmá, a agravante de parentesco, e como autor dun  delito de tenza ilegal de armas. 

A Audiencia explica que no xuízo non se cuestionou que o acusado disparase, “senón se esa conduta a levou a cabo dunha forma aleivosa ou como solución ante unha situación de medo que lle xerou a necesidade de defenderse”. O Tribunal do Xurado, tal e como consta na resolución, considerou por unanimidade probada a existencia de aleivosía “polo sorpresivo do emprego dunha pistola”, pois ninguén sabía que a tiña, e “polo seu emprego a unha distancia tan curta, que viña asegurar o seu propósito, a parte de que o emprego de tal arma viña situar ás súas vítimas nunha situación de indefensión”. 

“En definitiva, o Tribunal do Xurado vén fundamentar a concorrencia da circunstancia da aleivosía non só na extremada potencialidade do instrumento utilizado, que eliminaría a eficacia de calquera defensa, senón no factor sorpresa, sendo irremediable o resultado, estando privadas as vítimas de calquera posibilidade de escapar ao mesmo”, salienta a Audiencia na sentenza, contra a que cabe presentar recurso.