Consello Consultivo de Xuíces Europeos

O Consello Consultivo de Xuíces Europeos (CCXE) constituíuse en cumprimento da Resolución núm. 1 sobre medidas para reforzar a independencia e imparcialidade dos xuíces en Europa, adoptada pola XXII Conferencia de Ministros de Xustiza Europeos, que tivo lugar en Chisinau (Moldavia), os días 17 e 18 de xuño de 1999.

Nesta resolución acordouse a adopción dun programa de acción global para o fortalecemento do papel dos xuíces, que tería que ser redactado en consulta con estes, así como o establecemento, dentro do Consello de Europa, dun grupo consultivo composto por xuíces cunha dobre finalidade:

  • prestar asistencia para a execución das actividades que atinxen ás prioridades identificadas nese programa.
  • asesorar os comités directivos (steering committees) no relativo á actualización dos instrumentos legais do Consello de Europa.

Todos os Estados membros do Consello de Europa están representados, con voz e voto, no comité. Igualmente, está prevista a participación, sen dereito a voto, da Comisión Europea e o Consello da Unión, así como de países observadores e países candidatos.

De acordo cos termos de referencia do consello, os representantes deben ser designados entre xuíces en servizo que teñan un amplo coñecemento do sistema xudicial do respectivo país, e considerarase positiva a participación no proceso de designación do órgano ou autoridade nacional responsable de asegurar a independencia e imparcialidade dos xuíces, alí onde exista.

O consello concíbese como un órgano asesor do Comité de Ministros, mediante a formulación de opinións sobre as cuestións que atinxen á independencia, a imparcialidade e a competencia profesional dos xuíces, que poidan servir de base para a adopción de iniciativas comúns no seo do segundo.

O funcionamento do consello réxese polos termos de referencia, de vixencia bianual, establecidos polo Comité de Ministros, nos que se determina o tipo de actividade que ha realizar e as materias sobre as que versará. Para estes efectos, o comité pode crear grupos de traballo e recadar informes de especialistas.

O consello conta cun presidente, que dirixe as sesións do plenario, e un vicepresidente. A secretaría lévaa a Dirección de Cooperación Legal, dentro da Dirección Xeral 1 (asuntos legais) do Consello de Europa. Esta secretaría ocúpase da organización das reunións do comité, así como da preparación dos seus traballos, canda o Grupo de Traballo constituído para estes efectos no seo do comité.

O principal resultado visible da actividade do CCXE consiste na elaboración, debate e aprobación de informes na sesión plenaria anual