Información xeral

A actuación do Servizo de Relacións Internacionais neste ámbito trata de facilitar e intermediar nos labores de auxilio e cooperación xudicial internacional en relación cos procesos xudiciais con elementos transnacionais, mellorando a eficacia e a celeridade na resposta dos órganos xurisdicionais españois e estranxeiros implicados, en prol dunha mellor realización da Xustiza.

As actividades que se levan a cabo nesta área poden agruparse do seguinte xeito:

  • Actividades de facilitación do auxilio xudicial internacional.
  • Actividades relacionadas con redes de cooperación internas e externas.
  • Eventos e subvencións.

1) Facilitación do auxilio xudicial internacional.

Esta é un dos labores esenciais que regulamentariamente corresponden ao servizo de Relacións Internacionais. Con ela trátase de dar un apoio directo á totalidade dos tribunais españois naqueles procesos nos que aparezan elementos transnacionais nos seus diversos aspectos de delimitación da xurisdición internacional, aplicación dos instrumentos da cooperación xudicial, dereito internacional privado e dereito estranxeiro, sendo os destinatarios desta actividade non soamente os xuíces e maxistrados españois, senón tamén os xuíces e maxistrados doutros países, e mesmo outros operadores xurídicos non xudiciais relacionados con esta materia.

No exercicio desta función son diversas as actividades que se levan a cabo entre as que destacan:

  • Asistencia aos órganos xudiciais españois cando realicen unha actividade de asistencia xudicial internacional.
  • Intermediación activa. Supón a intervención nas comisións rogatorias, xa emitidas ou en preparación, co fin de coordinar a actuación dos órganos de emisión e de execución da comisión rogatoria, intermediando entre o órgano de emisión e o de execución para conseguir que tanto o documento da comisión rogatoria coma a execución se axusten á lexislación procesual do Estado de emisión e do de execución.
  • Axilización de solicitudes de auxilio xudicial internacional.
  • Apoio aos xuíces e maxistrados españois no coñecemento e aplicación do Dereito da Unión Europea.

 

2) Redes de Cooperación Internas e Externas

No ámbito da cooperación xudicial internacional cada vez xogan un papel máis relevante as redes xudiciais de cooperación. Estas concíbense como un instrumento cun dobre carácter, ao permitir obter unha información detallada e directa das necesidades e instrumentos de cooperación na área afectada e, así mesmo, garanten a existencia de contactos directos e persoais cos responsables da cooperación nos distintos países integrados na rede; desta forma téñense canles directas de comunicación para a obtención de información e resolución de cuestións problemáticas.

O CXPX posúe unha clara vocación de participación activa nestas Redes dada a súa conexión directa cos Xulgados e Tribunais sendo ata a data tres as redes nas que está integrado:

A nivel interno un gran papel é o desempeñado pola Rede Xudicial Española (REXUE) que ten por misión prestar toda a asistencia necesaria aos órganos xudiciais que o solicitan, para a correcta remisión e eficaz cumprimento das solicitudes de cooperación xurisdicional. Xunto a ela os integrantes da REXUE cumpren unha misión de apoio aos Puntos de contacto da Rede Xudicial Europea Civil e Mercantil, Rede Xudicial Europea Penal, IberRede e outras institucións de análoga natureza existentes, ou que poidan existir no futuro. Por último, posúen unha misión de formación e investigación en temas de cooperación xudicial internacional.

A Rede de Especialistas en Dereito da Unión Europea (REDUE), fundada nas mesmas premisas que a REJUE, trata de proporcionar a todos os integrantes da carreira xudicial española o adecuado apoio e información necesaria en todos os temas derivados do Dereito da Unión Europea, con especial atención á formulación de cuestións  prexudiciais. Nela existen seis divisións que tratan de cubrir as diversas áreas de actuación existentes:

  1. Dereito Civil (de Consumo e Espazo de Liberdade, Seguridade e Xustiza no ámbito da cooperación civil).
  2. Dereito Mercantil (da Competencia, Propiedade Intelectual, Industrial e Mercantil).
  3. Dereito Penal (Espazo de Liberdade, Seguridade e Xustiza no ámbito da cooperación penal).
  4. Dereito Administrativo (e Fiscal).
  5. Dereito Social (Laboral e de Seguridade Social).
  6. Aspectos xerais do Dereito da Unión Europea.

 

3) Eventos e Subvencións

En materia de cooperación xudicial internacional son numerosos os eventos nos que se require a participación de xuíces e maxistrados españois, tanto na súa vertente de asistentes, coma na de relatores-consultores, ou na de membros integrados en grupos de traballo xestionando o Servizo de Relacións Internacionais esta participación.

Así mesmo e dado o contacto directo que dende o CXPX se ten a nivel internacional con múltiples institucións que teñen abertos diversos campos de subvención, dende o Servizo de Relacións Internacionais difúndese a nivel interno no CXPX a existencia das mesmas de cara a que os seus responsables determinen (tras os seus procesos de decisión internos), a procedencia e oportunidade de acceder a estas.