O presidente do CXPX destaca que as XXI Xornadas de Presidentes/as de Audiencias Provinciais contribuirán "a construír unha Xustiza moderna e de calidade"

Rafael Mozo inaugurou hoxe en Pontevedra o encontro, que se desenvolverá ata o mércores e ao que asisten case corenta maxistrados/as de diferentes comunidades. No acto tamén participaron a vogal do CXPX Carmen Llombart, o presidente do TSXG e o presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra

Autor
Comunicación Poder Judicial
El presidente del CGPJ (p.s.), Rafael Mozo, durante el acto inaugural de las jornadas de Presidentes de las Audiencias Provinciales en Pontevedra
El presidente del CGPJ (p.s.), Rafael Mozo, durante el acto inaugural de las jornadas de Presidentes de las Audiencias Provinciales en Pontevedra

O presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), p.s., o vogal Rafael Mozo, destacou hoxe na Deputación Provincial de Pontevedra, durante a inauguración das XXI Xornadas de Presidentes/as de Audiencias Provinciais, que o encontro contribuirá “a construír unha Xustiza moderna e de calidade”. Ademais, incidiu na necesidade de “traballar en equipo” para conseguir “unha Xustiza máis próxima á cidadanía”. No acto tamén interviñeron a vogal do CXPX Carmen Llombart Pérez, que dirixe as xornadas; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde; e o presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra, Francisco Javier Menéndez Estébanez.

Durante a súa intervención, o presidente do CXPX resaltou a importancia dos temas que se abordarán durante o encontro, ao que asisten case corenta presidentes e presidentas de audiencias de diferentes provincias. Así, sinalou que o Proxecto de Lei de Eficiencia Organizativa, tratado esta mañá nas xornadas e que decaeu como consecuencia da convocatoria de eleccións xerais, supoñía “un avance cara á modernización e racionalización da organización xudicial”.

“Estamos, en definitiva, ante unha nova oportunidade perdida de modernizar a organización xudicial", recalcou Mozo, quen tamén subliñou que "non menos impacto tería na Administración de Xustiza o tamén decaído Proxecto de Lei de Eficiencia Dixital”, o cal será tratado polos/as asistentes ao encontro na xornada de mañá.

O presidente do CXPX sinalou que tiña como obxectivo “a adaptación da realidade xudicial española do século XXI ao marco tecnolóxico contemporáneo”, co fin “de axilizar a resposta dos órganos xudiciais”. Ademais, indicou que a dixitalización constitúe “o presente e o futuro da Xustiza española”.

Por último, Mozo referiuse á aplicación práctica das leis de reforma en materia penal, que tamén se tratará mañá nas xornadas. O presidente do CXPX asegurou que as audiencias provinciais son “imprescindibles para contribuír a delimitar o alcance de cada reforma, a través da súa importante función na conformación, xunto á xurisprudencia do Tribunal Supremo, da doutrina emanada dos nosos tribunais”.

Durante a inauguración, tamén agradeceu aos presidentes e presidentas das audiencias provinciais o "gran labor" que desenvolven e sinalou que todas as achegas e conclusións das xornadas redundarán “nun mellor funcionamento da Administración de Xustiza”.

A vogal Carmen Llombart destacou o labor que realizan os presidentes/as das audiencias, aos que pediu que durante estes días expoñan “as súas inquietudes, aspiracións e proxectos”, para que as xornadas sexan “útiles” e contribúan “a seguir mellorando” a Xustiza.

O presidente do TSXG indicou que este tipo de encontros son “moi relevantes” para quen desempeña responsabilidades de goberno. “Estamos ante unha redefinición da organización da Xustiza, case ante un novo modo de ser xuíz ou xuíza. Temos por diante importantes retos”, indicou. Díaz-Castroverde tamén incidiu na necesidade de reflexionar sobre a organización territorial da Administración de Xustiza, á vez que subliñou a necesidade de “alcanzar o número de unidades xudiciais necesarias para que a Xustiza funcione correctamente, que o CXPX estimou en preto de 300”.

Ademais, afirmou que é necesario que a ratio de xuíces por cada cen mil habitantes “se asemelle á da Unión Europea” e que os medios tecnolóxicos sexan “adecuados e compatibles entre comunidades autónomas, sen someter aos xulgados ao interrogante do resultado das videoconferencias”.

Pola súa banda, o presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra asegurou ante os seus compañeiros/as que nas súas mans está “buscar e propoñer solucións á actual situación da Xustiza”.