Un xulgado da Coruña condena a 17 meses de prisión a dous gandeiros por maltratar e deixar morrer de inanición a 30 cabalos

O maxistrado afirma que “o sufrimento padecido polos animais non pode cualificarse doutro xeito que de asañamento”

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Penal número 2 da Coruña condenou a 17 meses de prisión a dous gandeiros de Melide por maltratar e privar de alimentación e auga aos cabalos da súa explotación, na que en só uns meses morreron polo menos 30 animais. O maxistrado considera probado na sentenza que ambos os procesados, propietarios da gandería na que convivían cabalos, poldros, ponis e mulos, mantiveron aos animais “nunha situación de subalimentación constante, sucidade, falta de auga, falta de espazo, de hixiene e, en xeral, falta dos máis básicos coidados”. O xuíz asegura que “mantiveron de maneira consciente e voluntaria a decenas de animais nunhas condicións absolutamente incompatibles cunha existencia minimamente digna para os mesmos”.

Na resolución, relata que en maio de 2019 unha inspección do Seprona localizou “varios cadáveres” de animais “á vista” e outros “ocultos por plásticos”. Os axentes, segundo consta no fallo, comprobaron tamén que non existía na parcela “ningún tipo de alimento nin de auga” e que os animais vivos estaban “en completo abandono e con desnutrición”. O maxistrado explica que no mes de novembro dese mesmo ano outra inspección constatou que se mantiña a situación de desnutrición e a falta de alimento e auga. “Consta acreditado, ademais, uns malos tratos ante-mortem e que as mortes foron dolorosas”, engade o titular do Xulgado do Penal número 2 da Coruña, á vez que recalca que “o sufrimento padecido polos devanditos animais non pode cualificarse doutro xeito que de asañamento”. Ademais, indica que os animais falecidos non eran retirados das instalacións, polo que o resto tiña que convivir cos cadáveres.

O xuíz conclúe que ambos os acusados eran “os responsables do coidado dos devanditos animais e non o fixeron, nin se preocuparon porque outros o fixesen”. Por iso, ademais de condenalos -a cada un deles-, como autores dun delito continuado de malos tratos a animais domésticos do artigo 337 1 e 3 do Código Penal, á 17 meses de prisión, inhabilitounos para toda profesión relacionada co coidado de animais ou tenza dos mesmos durante catro anos. Na sentenza tamén ordena que se lle adxudiquen definitivamente á Xunta os animais no seu día incautados na gandería. Contra a sentenza cabe interpoñer recurso de apelación para ante a Audiencia Provincial da Coruña.