Os Xulgados de Santiago estrean unha sala de espera acondicionada para menores

A iniciativa, que foi executada pola Fundación Andrea, ten como obxectivo crear unha contorna máis amable e acolledora

Autor
Comunicación Poder Judicial
Sala de espera para menores en los Juzgados de Santiago
Sala de espera para menores en los Juzgados de Santiago

Os Xulgados de Santiago de Compostela estrearon hoxe unha sala de espera destinada a menores. O obxectivo da iniciativa é que o espazo, cuxo deseño foi proxectado e executado pola Fundación Andrea, sexa máis amable e acolledor para os menores que deben acudir a sede xudicial.

Dentro do proxecto, que se realizou en colaboración co Decanato dos Xulgados de Santiago e a Xunta de Galicia, dispúxose unha sinalización con vinilos no chan da entrada principal do edificio para marcar o punto de encontro desde o que se acompañará aos menores.

A xuíza decana de Santiago, Sandra María Iglesias Barral; a presidenta da Fundación Andrea, Charo Barca; e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitaron hoxe as instalacións.

A Fundación Andrea, que quixo ampliar, deste xeito, o seu ámbito de actuación a menores inmersos en procesos xudiciais, tamén publicou tres contos guía, con textos da xuíza decana de Santiago, ilustrados por Iria Bermúdez e editados pola Xunta de Galicia. Os libros, cuxo propósito é facilitar aos menores e adolescentes a comprensión da Xustiza, estarán dispoñibles na nova sala de espera, denominada Espazo Amable, así como noutras sedes xudiciais da comunidade.

Ademais, coa axuda do equipo de mantemento dos Xulgados, acondicionouse un despacho contiguo á sala de espera destinada a menores para uso de equipos psicosociais e o xuíz de Familia. Xuíces/zas de Santiago e a Fundación Andrea achegaron contos, xoguetes, cadros e plantas para facer máis amables as instalacións.