A Audiencia da Coruña desestima unha demanda de desafiuzamento nun edificio de Cambe promovida pola Sareb

Os maxistrados indican que o Real Decreto-lei 7/2019 estaba vixente cando se celebrou o contrato de 2020, concertado por un arrendador persoa xurídica, o que obriga á sociedade demandante “a recoñecer eses contratos ata que cumpran os sete anos desde o seu outorgamento”

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección terceira da Audiencia Provincial da Coruña rexeitou o recurso de apelación interposto pola Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb) contra a sentenza ditada polo Xulgado de Primeira Instancia número 12 da Coruña nos autos de procedemento verbal sobre un desafiuzamento por ocupación en precario dun habitáculo destinado a tendal ou lavadoiro dun inmoble de Cambre (A Coruña). Desta forma, confirmou a resolución apelada, na que se absolveu aos demandados de todas as pretensións formuladas na súa contra pola Sareb. 

A Audiencia Provincial validou, polo tanto, os diversos contratos de alugueiro do matrimonio demandado firmados desde 2017. Así, respecto ao último contrato, asinado en 2020, a Sala salienta que “unha vez máis, ou ben estamos en presenza dun gran engano, onde se arrendou un gran número de vivendas e se cobraron as rendas por alguén alleo ao inmoble, ou ben debe aceptarse a validez da xestión realizada”. Así, os maxistrados destacan que “se trataría dunha sorte de macroestafa na que persoas perfectamente identificadas orquestrarían unha simulación de arrendamentos, persistentes durante anos, que afectaría a todo o edificio, a un gran número de familias”, á vez que engade que “ninguén expuxo dubida algunha sobre a corrección dos arrendamentos durante todos os anos transcorridos”. 

Na sentenza, a Audiencia Provincial destaca que “nin a propiedade, nin os xestores dos seus activos, nin a administración concursal inquietou en ningún momento aos enganados inquilinos”. Desta forma, advirte de que “a formulación da Sareb obrigaría a deducir tanto de culpa para a correcta investigación do suposto delito, paralizando a tramitación sempre que non se determine se houbo esa actuación delituosa que aduce, e da que serían vítimas os ocupantes das vivendas, ou ben se trata de contratos outorgados por quen tiña encomendada a xestión e explotación das vivendas”. Os xuíces conclúen que “non existen elementos fácticos suficientes como para estimar que os inquilinos foron vítimas dun engano, que os contratos sexan mera aparencia e que viñeron abonando unhas rendas a terceiros alleos á xestión do inmoble”, polo que entende que o contrato é válido. 

O alto órgano xudicial provincial subliña na sentenza que, admitida na formulación a existencia e realidade do arrendamento, conforme ao normado no artigo 13.1 actual da Lei de Arrendamentos Urbanos, na redacción dada pola Real Decreto-lei 7/2019, do 1 de marzo, vixente cando se celebrou o contrato do 30 de decembro de 2020, e dado que o arrendamento foi concertado por un arrendador persoa xurídica, a adxudicación hipotecaria non extingue o arrendamento, “senón que obriga a Sareb a recoñecer eses contratos ata que cumpran os sete anos desde o seu outorgamento, ata o 30 de decembro de 2027”. Ademais, explica que se trata dunha “situación moi distinta ao que acontecía nos procedementos anteriores a esta última reforma, onde si se producía a extinción”. 

“Ninguén cuestiona que Sareb sexa a actual titular dominical do edificio, o que se discute é que os demandados nin son ‘os ignorados ocupantes’ (o terceiro preito que teñen e non sabe quen son), nin son ‘ocupantes sen título’, pois teñen un contrato de arrendamento que Sareb coñecía de litixios anteriores”, recalcan os maxistrados.