O TSXG rexeita autorizar a navegación sen motor e o baño no encoro de Cachamuíña (Ourense)

A Sala rexeita a solicitude do Concello do Pereiro de Aguiar e conclúe que as razóns da Confederación Hidrográfica Miño-Sil para a súa prohibición son xustificadas para protexer a saúde pública

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección segunda da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou, tal e como solicitaba o Concello do Pereiro de Aguiar (Ourense), declarar a procedencia de modificar a clasificación do encoro de Cachamuíña para permitir a navegación sen motor (a vela ou a remo) para uso recreativo e o baño. Desta forma, rexeitou o recurso interposto pola Administración municipal contra a resolución da Confederación Hidrográfica Miño-Sil na que lle denegaba a solicitude de modificación das condicións do devandito encoro.

Os maxistrados conclúen na sentenza que as razóns para impedir a navegación ou flotación “son xustificadas e resultan da ponderación do posible conflito con outros valores, singularmente a protección da saúde pública, de onde deriva a ausencia de arbitrariedade”. Neste sentido, salientan que é relevante que se tivesen en conta o informe da Dirección de Saúde Pública, que pon de manifesto a existencia de riscos para a saúde, derivados da presenza de cianobacterias, incluíndo a recomendación, en épocas de proliferación, de restrinxir os usos recreativos ou de navegación. Ao que se engaden, segundo consta na resolución, “a falta de previsibilidade sobre as devanditas proliferacións e a súa toxicidade”.

A Sala tamén sinala que se trata dun encoro “de modestas dimensións que, en determinadas épocas, pode non ter auga suficiente para a navegación”. Ademais, incide en que o titular do seu aproveitamento -o Concello de Ourense-, “para un uso indubidablemente prioritario ao recreativo, como é o abastecemento de auga á poboación”, non se mostra conforme co uso solicitado, así como na necesidade de ter en conta “a lóxica de que poida agravar a contaminación”.

O alto tribunal galego asegura que “a decisión non só non é desproporcionada, senón que resulta debidamente motivada, prevalecendo razóns de cautela ou precaución”. Ademais, rexeita que se vulnerara o principio de igualdade. Así, fai referencia aos informes sobre a situación de contaminación por cianobacterias e ás épocas e intensidade con que se producen no encoro de Cachamuíña, non noutros, así como á “recomendación de restrinxir certas actividades nas incertas épocas de afloramento” e ás características singulares do encoro, especialmente o seu uso (exclusivo de abastecemento) e superficie ou tamaño, ao que engade que non hai que esquecer “a oposición, lexítima, do seu concesionario”. O que non procede, advirte o TSXG, é “unha análise de todas e cada unha das características do resto dos encoros.

No fallo, os maxistrados tamén advirten que non é o mesmo “prohibir un uso que leva décadas permitíndose que autorizar un uso que leva décadas prohibido”. Nel, engaden que “non hai dúbida da necesaria protección do dominio público hidráulico, que xustifica a decisión e a xustificación, pois abastece de auga potable á capital da provincia, con ao redor de 100.000 habitantes”. Neste sentido, lembra que a subdirectora xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia declarou que o encoro “dista tan só 3 quilómetros do de Castadón, onde se atopa a toma de auga utilizada polo concesionario do dominio público hidráulico, constituíndo unha unidade material a efectos da facilidade da transmisión das bacterias e toxinas entre un e outro”. A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.